Un acoitelamento múltiple en Dublin provoca disturbios de grupos de extrema dereita
Un home, xa detido, acoitelou catro persoas, tres delas menores

O acoitelamento de catro persoas este xoves en Dublín, tres delas menores, provocou disturbios na cidade en que grupos de extrema dereita atacaron a policía irlandesa, a Garda Irlandesa.
O máximo responsable da Garda Drew Harris explicou que un número de axentes foi atacado con fogos artificiais, botellas e outros obxectos na zona onde un home acoitelou este xoves unha muller e tres menores. Un dos tres menores, unha nena de cinco anos, atópase en estado grave.
O dirixente policial cualificou estas protestas de "vergoñosas" e asegurou que están impulsadas por "unha facción de vándalos" de "ideoloxía de extrema dereita". Harris pediu á cidadanía que ignore "os rumores" que circulan na redes sociais sobre a identidade do atacante, xa que se trata de "información malintencionada" diseminada por grupos "para os seus propios fins".
A Garda informou este xoves de que o ataque con arma branca ocorrido no centro de Dublín "non está relacionado co terrorismo" e que podería tratarse dun feito "illado".
Nunha comparecencia ante os medios, o superintendente da Garda Liam Geraghty indicou que a investigación trata agora de establecer os motivos polos que un home duns 50 anos, detido no mesmo lugar do ataque, acoitelou as catro persoas e despois se feriu. O lugar do ataque é unha zona moi transitada do norte da capital e próxima a unha gardería.
