Un accidente múltiple con nove vehículos nas Neves paralizou o tráfico na A-52
O sinistro deixou unha persoa ferida
Un accidente múltiple no que se viron implicados nove vehículos paralizou parte da A-52 ao seu paso por Taboexa, nas Neves (Pontevedra), e deixou unha persoa ferida.
O 112 Galicia recibiu a información cara ás 18:55 horas a través de varias chamadas de particulares que alertaban do sinistro no quilómetro 288.
Nun principio trasladábase a implicación de catro vehículos, pero co paso dos minutos as comunicacións confirmaban que cada vez eran máis os afectados.
Finalmente, o persoal de emerxencias que se desprazou ao momento confirmou que estaban implicados nove vehículos e que o persoal sanitario tivo que atender a unha persoa ferida.
Desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse o Servizo de UrXencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas, e á Garda Civil de Tráfico.