Un 30 por cento dos funcionarios da xustiza secundaron a folga
A xunta rebaixa a cifra a unha porcentaxe practicamente testemuñal

Os sindicatos CSIF, STAJ, CCOO e UXT situaron o apoio este luns ao paro de tres horas na xustiza galega nun 30 %, unha porcentaxe que cren que aumentará, mentres que a Xunta reduciu ese apoio ao 1,1 %.
A Xunta, que non é parte do conflito ao ser este contra o Ministerio de Xustiza pero ten as competencias transferidas, asegurou que o persoal que secundou a folga foi o 1,1 % do total.
Por provincias, afirma que A Coruña tivo un 0,8 %, Lugo un 0 %, Ourense un 2,2 % e Pontevedra un 1,6 % durante as tres horas.
Os paros arrincaron este luns e chega tras máis de dous meses de folga de letrados da Administración de Xustiza e unha subida salarial para este corpo duns 600 euros ao mes -ao sumar o acordo e outra subida previa-, polo que os sindicatos da mesa sectorial demandaron estender as melloras a todo o funcionariado.
Maior carga de traballo
Os convocantes tamén advirten sobre a posible implantación dos tribunais de instancia pola nova lei de eficiencia organizativa que, se se aproba, cren que supoñerá un esforzo para todo o persoal e mesmo modificar substancialmente as condicións de traballo.
Ata o de agora non houbo acordo co Ministerio de Xustiza, pero o colectivo espera que se recoñezan as súas reivindicacións como se fixo cos letrados, que representan ao redor dun 2 % do funcionariado da área.
A folga está convocada para todo o Estado, pero hai diferenzas entre as comunidades autónomas a nivel salarial, pois son doce as que teñen as competencias transferidas, entre elas Galicia, xunto coas cidades autónomas que están xestionadas directamente polo ministerio.
Isto fai que haxa trece territorios, cada comunidade máis un único do ministerio, que establezan condicións diferentes, con algúns complementos iguais ao depender do Estado e outros distintos establecidos por cada comunidade, que provocan importantes disparidades salariais entre o funcionariado.