Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xurado ve culpable de asasinato con aleivosía o acusado polo crime de Salceda

O xurado ve culpable de asasinato con aleivosía o acusado polo crime de Salceda

Tras deliberar este xoves e venres, os membros do tribunal de xurado tomaron esa decisión por unanimidade

A familia da vítima amosouse "moi contenta" co veredicto

O xuízo queda visto para sentenza, as acusacións, pública e particular, manteñen a petición de 25 anos de cadea

EFE
G24.gal 27/03/2026 14:08

O xurado considera ao procesado Florian R. culpable do asasinato con aleivosía de Soufian, un mozo de 24 anos apuñalado en xuño de 2019 ás portas dun local de copas de Salceda de Caselas, aínda que non considerou probado que houbese asañamento.

Tras deliberar este xoves e venres, os membros do tribunal de xurado tomaron esa decisión por unanimidade, segundo trasladaron este mediodía na Audiencia Provincial de Pontevedra. O xurado considerou probados por unanimidade a maior parte dos feitos que se xulgaban.

Segundo o veredicto, a vítima atopábase na terraza do bar cando Rama encaróuselle e díxolle que lle tirara a copa. O mozo desculpouse pero o acusado non aceptou as súas desculpas. Florian R. sacou unha arma branca por sorpresa e apuñalou a vítima en tres ocasións no seu corpo con intención de causarlle a morte, de forma tan rápida que non puido defenderse.

O acusado fuxiu e Mahra, ferido de morte, seguiuno e andou uns metros, pero volveu sobre os seus pasos e acabou derrubándose e morrendo por unha hemorraxia interna masiva como consecuencia das puñaladas.

"Ao xurado non nos cabe dúbida de que foi o acusado quen sacou a arma branca e apuñalou á vítima", referiron.

A presenza de Rama no lugar do crime quedou probada por unha fotografía dentro do bar, a localización do seu móbil que o situaba esa noite en Salceda e a coincidencia do seu ADN cunha mostra de sangue que se atopou horas despois preto de onde se produciu o asasinato.

Tras a lectura do veredicto, que se atrasou debido a un problema informático, o xuízo quedou visto para sentenza e a maxistrada terá que establecer a pena imposta ao acusado, que permanecerá ata entón en prisión preventiva.

Tanto a Fiscalía como a acusación particular ratificaron as súas peticións de pena: a condena máxima por asasinato, 25 anos de prisión, así como 300.000 euros de indemnización á familia por responsabilidade civil. Pola súa banda, a defensa pediu a pena mínima (15 anos) e anunciou que vai recorrer a decisión unha vez coñecida a sentenza.

A familia da vítima amosouse "moi contenta" co veredicto

A familia mostrouse "moi contenta" co veredicto do xurado popular aínda que esperaban que declarase tamén que houbo asañamento.

"Estamos moi contentos de por fin poder pechar un ciclo e dicir que dalgún xeito fíxose xustiza", dixo en declaracións a medios de comunicación na porta da Audiencia de Pontevedra a irmá do mozo Soufian.

A familia da vítima mostrou a súa satisfacción co veredicto aínda que o xurado non considerase que haxa asañamento: "Nós si o criamos", insistiu a irmá, que espera que a xuíza impoña a pena máxima, 25 anos de prisión.

"Temos moita confianza na xustiza española", sinalou pola súa banda o pai da vítima, que agradeceu ao seu avogado por obter o "resultado tan positivo" que tanto desexaban no xuízo.

Un xuízo que "tardou moitísimo, sete anos", lembrou a irmá de Soufian, xa que o acusado estivo en paradoiro descoñecido ata que foi localizado no Reino Unido en 2024.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade