Último adeus a Carmen Sevilla, unha das primeiras actrices españolas internacionais
Protagonizou a primeira película española candidata aos Óscars de fala non inglesa
O seu funeral será na máis estricta intimidade por decisión do seu fillo, sen a capela ardente que moitos agardaban para poder despedila
Naceu no ano 1930 en Sevilla e o seu nome real era María del Carmen García Galisteo. Debutou nos escenarios sendo unha nena coa compañía de Estrellita Castro e saltou ao cine con tan só 19 anos co filme Jalisco canta en Sevilla no ano 1949.
Sería a primeira de máis de sesenta películas que rodou ata 1978, coas que obtivo premios como o do Círculo de Escritores Cinematográficos e do Sindicato Nacional do Espectáculo. Nos anos 50 converteuse nunha das estrelas máis populares de España ata gañar o alcume de noiva de España tras protagonizar Violetas imperiales de Richard Pottier, La fierecilla domada ou La venganza de Juan Antonio Bardem.
Carmen Sevilla foi tamén unha das nosas pioneiras na escena internacional e protagonizou a primeira película española candidata aos Óscars de fala non inglesa baixo o título Pan, amor y Andalucía xunto a Vittorio de Sica.
O éxito fíxoa saltar a coproducións en países europeos ou na América Latina, ademais de marabillar a Hollywood nos anos 70 con títulos como Marco Antonio e Cleopatra dirixida e protagonizada por Charlton Heston.
Carmen casou dúas veces, primeiro co compositor Augusto Algueró, pai do seu único fillo, e despois con Vicente Patuel, por quen decidiu retirarse do cine. Pero non podemos esquecer a súa faceta televisiva á que lle dedicou os seus 20 últimos anos en activo ata a súa completa retirada da vida pública co diagnóstico do seu alzhéimer en 2010.
O desexo de Carmen era ser recordada na mellor etapa da súa vida como unha das actrices máis belas e activas da súa xeración, por iso os seus evitaron que transcendesen imaxes do seu declive nos últimos anos.
O seu funeral será na máis estricta intimidade por decisión do seu fillo, sen a capela ardente que moitos agardaban para poder darlle o derradeiro adeus. O seu sorriso e o cariño do público manterán vivo o recordo dunha das artistas máis queridas de todos os tempos en España.