Publicador de contidos

Publicador de contidos

Última xornada para elixir o novo líder 'tory': Truss é a favorita para substituír a Johnson

Última xornada para elixir o novo líder 'tory': Truss é a favorita para substituír a Johnson

O próximo luns coñecerase o nome do novo primeiro ministro e o martes asumirá o cargo

Liz Truss, unha nova dama de ferro enfrontada a Europa

Rishi Sunak, arquitecto do plan económico para lidar coa pandemia

G24.gal 02/09/2022 11:20 Última actualización 02/09/2022 19:24

O proceso interno para elixir o novo líder do Partido Conservador británico, que substituirá a Boris Johnson como primeiro ministro do Reino Unido, entra no seu tramo final ao pecharse este venres a votación entre os afiliados á formación.

Os membros do partido, uns 160.000, tiñan ata este venres para facer chegar o seu voto, a través de correo ou de maneira electrónica, para decidir por un dos dous aspirantes, a ministra de Exteriores Liz Truss ou o extitular de Economía Rishi Sunak.

O nome do gañador, con todo, coñecerase o próximo día 5, mentres que o cambio de primeiro ministro producirase ao día seguinte, o día 6.

Truss aparece como a favorita para substituír a Johnson, quen anunciou a súa dimisión o pasado xullo despois de que numerosos membros do seu Goberno renunciasen en protesta pola súa xestión e unha serie de escándalos, como as festas celebradas na residencia oficial de Downing Street durante a pandemia.

O próximo día 6, Johnson e o novo líder conservador viaxarán ao castelo de Balmoral, en Escocia, para cumprir coa audiencia de rigor coa raíña Isabel II, xefa de Estado.

Nesa cita, Johnson presentará formalmente a súa dimisión e, pouco despois, Isabel II chamará o novo líder do partido para pedirlle que forme un novo Executivo.

Nun principio, este acto constitucional ía celebrarse en Londres, pero o palacio de Buckingham, residencia oficial da familia real británica, comunicou esta semana que o evento se celebraría en Balmoral, debido, segundo os medios, aos continuos problemas de mobilidade que experimenta a raíña.

Unha vez que asuma o poder, o novo xefe ou xefa de Goberno regresará a Downing Street, en Londres, para nomear os seus ministros. Espérase que a primeira reunión do Executivo se celebre o mércores, día 7.

Un dos asuntos prioritarios do sucesor de Johnson será facer fronte ao incremento do prezo da enerxía e á inflación interanual británica, que se sitúa no 10,1 % pero que o Banco de Inglaterra anticipou que pode chegar ao 13 % a finais de 2022.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade