Publicador de contidos

Publicador de contidos

Amy Isabel, a bebé nada no Reino Unido grazas a un transplante de útero dirixido por unha viguesa

Amy Isabel, a bebé nada no Reino Unido grazas a un transplante de útero dirixido por unha viguesa

A doazón de útero en vida fíxose entre dúas irmás para que a máis nova puidese xestar a súa filla

O nacemento da cativa despois do transplante é un referente para outras nais que agardan unha xestación

G24.gal 13/04/2025 20:07 Última actualización 13/04/2025 20:59

Esta semana coñeceuse o nacemento no Reino Unido de Amy Isabel, unha cativa que chegou a este mundo despois de que súa nai se sometera a un transplante de útero doado en vida pola súa irmá. 

Detrás desa cirurxía está unha médica viguesa, Isabel Quiroga, que liderou o transplante en 2023 e agora estivo tamén na cesárea da pequena. 

Hai máis de dez anos que a nai da pequena Amy, sen útero por mor dunha alteración conxénita, decidiu poñerse en mans dun equipo de investigación que lle permitise xestar grazas a un transplante do útero que lle doou súa irmá.

"A súa irmá cando soubo que ela non podía ser nai sempre dixo que quería axudala. Despois de facer moitas probas vimos que si era unha candidata para ser doadora", explica Isabel Quiroga, a cirurxiá viguesa que dirixiu todo o proceso.

Despois dunha fecundación in vitro, este mes de febreiro chegaba Amy Isabel e marcaba un principio para moitas outras mulleres que agardan ser nais despois dun transplante, ben porque o seu útero non se desenvolveu ou porque sufriron un cancro ou outro tipo de dano.

"Teñen que estar sas, se tiveron cancro teñen que telo superado desde hai cinco anos, non poden ter outras complicacións como fallo renal. Esta foi a primeira operación que fixemos, en febreiro de 2023, pero desde entón fixemos máis, tres transplantes de doadora falecida. Todas as pacientes están ben", asegura Quiroga.

Nesta ocasión a paciente intentará ter un novo embarazo, e despois retiraráselle o útero transplantado.

"O motivo polo que facemos este transplante é para darlles a posibilidade a estas mulleres de procrear e ter os seus propios bebés, non para que sigan cun útero ata que falezan", di Isabel Quiroga.

E despois do éxito do equipo médico, Isabel recibiu outra sorpresa ao rematar a cesárea, a pequena tería moi presente a súa axuda para chegar a este mundo.

"Cando unha compañeira me dixo se sabía que lle ían poñer de nome Amy Isabel a verdade é que foi impresionante para min".      

Confía en que se normalicen estes procesos para poder xestar, como tamén ocorreu coa fecundación in vitro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade