Ucraína: un ano da guerra que devolveu o horror a Europa
A ONU cifra en 8.000 os civís mortos no conflito, que deixa máis de oito millóns de refuxiados
Historias dun país en guerra: as vítimas relatan en primeira persoa as súas consecuencias
Estas tres palabras de Vladimir Putin, "operación militar especial", bastaron o 24 de febreiro de 2022 para cambiar a orde mundial.
A intención de Rusia era levar a cabo unha guerra lóstrego para tomar os territorios de Donetsk e Luhansk, avanzar cara a Kíiv e destituír a Volodimir Zelenski.
Pero o presidente ucraíno cambiou o traxe de civil pola indumentaria militar e púxose á fronte da resistencia de todo un país.
O apoio dende Washington, Bruxelas e a OTAN a Kíiv freou a ofensiva do Kremlin ata converter a invasión nunha guerra longa que se libra por terra, mar e aire.
O exército de Putin pretendía conectar Crimea coas rexións separatistas, así que a ofensiva arrancou dende o sur e o noroeste de Ucraína con obxectivos estratéxicos como a maior central nuclear de Europa, a de Zaporiyia, aínda en mans rusas.

Coma toda guerra, quedan as imaxes do sufrimento da poboación civil, e algúns nomes que quedarán asociados para sempre á barbarie.
Mariupol foi escenario dun cerco durante meses en que a aviación rusa destruíu un hospital materno infantil, bombardeou un teatro en que se refuxiaban civís e asediou a aceiría de Azovstal.
En Bucha foron asasinados 400 civís, e 300 en Irpin. Masacres polas que Rusia está acusada de crimes de guerra.
A resistencia de Ucraína durante este ano baseouse na fortaleza dunha poboación decidida a aguantar e plantarlle cara ao invasor. E tamén no apoio loxístico de Occidente, que achegou axuda militar por valor de 106.000 millóns de euros.
Dende todas as tribunas en que intervén, Zelenski reclama máis medios para a defensa do seu país, incluídos cazas F-16 ante unha previsible escalada da ofensiva de Putin.
Tras un ano de guerra, Rusia controla o 18 por cento do territorio ucraíno. Entre avances e repregamentos, e disipada calquera esperanza dunha negociación entre as partes, o conflito corre o risco de cronificarse entre cifras dramáticas.
A ONU fala de 8.000 civís falecidos e 13.300 feridos, malia que o número real pode ser moito maior. Case 200.000 soldados rusos morreron en combate, segundo a intelixencia estadounidense, e uns 30.000 ucraínos.
Hai oito millóns de desprazados, o 19 % da poboación de Ucraína, no maior éxodo en Europa dende a Segunda Guerra Mundial.
Amais do drama humanitario, o conflito tamén provocou unha nova crise económica global.
Pero sobre todo devolveu a Europa o drama dunha das guerras máis sanguentas dos últimos dous séculos.