Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína lanza máis de mil drons e ataca unha planta química en Rusia

Ucraína lanza máis de mil drons e ataca unha planta química en Rusia

As defensas antiaéreas rusas aseguran ter derrubado máis dun milleiro de aparellos sobre unha vintena de rexións, con preto da metade dirixidos cara a Moscova

O ataque alcanzou unha instalación industrial en Toliatti que fornece combustible para mísiles balísticos, sen que se rexistrasen feridos.

G24.gal 29/11/2026 09:12 Última actualización 29/11/2026 09:17

O exército ucraíno lanzou na noite do sábado ao domingo máis de mil drons contra territorio ruso e alcanzou, segundo as canles de Telegram, unha planta química que fornece combustible para mísiles tácticos e balísticos.

Segundo o Ministerio de Defensa de Rusia, as defensas antiaéreas rusas derrubaron este domingo 1.017 aparellos non tripulados sobre unha vintena de rexións do país, incluída a república de Tatarstán, as fronteirizas Kursk, Briansk e Bélgorod, e a de Astracán, bañada polo mar Caspio, ademais da anexionada península de Crimea.

O alcalde de Moscova, Serguéi Sobianin, asegurou que máis de medio milleiro deses drons se dirixían á capital, aínda que foron abatidos lonxe da urbe de 13 millóns de habitantes.

Segundo a canle Astra, drons inimigos golpearon a planta química da cidade de Toliatti, a uns 800 quilómetros ao sueste de Moscova, que xa fora danada o pasado 24 de outubro, segundo o Estado Maior ucraíno.

O gobernador de Samara, Viacheslav Fedorishchev, admitiu que as baterías antiaéreas derrubaran esta madrugada máis dunha vintena de drons que tentaban alcanzar a infraestrutura industrial da rexión, sen que se producisen feridos. O Concello de Toliatti tamén confirmou o "ataque masivo" inimigo.

Kíiv tamén atacou o sábado territorio ruso con máis dun milleiro de drons, que alcanzaron, segundo medios independentes, unha refinaría e unha estación de bombeo de petróleo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade