Betanzos, o termómetro de tendencia de voto enfróntase ás Xerais con dinámicas novas
O libro Betanzos, magic town (2013) recolle a particularidade desta vila que serve de espello demoscópico dos resultados en Galicia e Madrid
A vila representa a media do país en canto á combinación demográfica, económica e social
Se hai un lugar no mapa ao que se lle prestará atención nos primeiros momentos do reconto electoral ese é Betanzos, o noso Ohio en cada cita electoral. É o termómetro de como vota Galicia, tanto nos comicios autonómicos coma nestes xerais. O resultado de dúas das súas mesas coincide practicamente sempre co resultado final das eleccións.
Hai constancia desde a década dos oitenta de que Betanzos é un termómetro fiable do comportamento electoral galego. Reproduce a orde e a porcentaxe de voto das primeiras forzas políticas, como recolle o libro Betanzos, magic town, que demostra desde a estatística como a vila serve de espello do país, con pouca marxe de erro.
"Empezamos a analizar datos e eran perfectos. Xa hai 20 anos os datos que había verificábanse. Estatisticamente isto mídese cunha fórmula matemática, que é o erro absoluto medio que é un xeito de validar unha enquisa, un resultado estatístico. Validando iso chegábamos a porcentaxes menor do 1% nos grandes partidos daquel momento, PP, PSOE e BNG e verificábase en Galicia. O que é curioso é que a nivel nacional tamén se verifica bastante. Non igual ca nas galegas pero dá unhas estimacións dun 2% porcentual, polo menos nas últimas que houbo en 2023", explica Salvador Naya, profesor de Estatística da Universidade da Coruña e coautor do libro "Betanzos magic town"
A explicación responde a que este concello de algo máis de 13.500 habitantes representa a media do país en canto á combinación demográfica, económica e social. Agora novos factores de decisión de voto entran en xogo e poden mudar as cousas.
"Hoxe as redes teñen unha influencia que nós non tiñamos previsto naquel momento, non fixemos ningún estudo sobre as redes. Hoxe hai xente que está usando a Intelixencia Artificial para votar. Hai chatbots que che indican como debes votar e iso modifica bastante o voto, universalízao", advirte Naya
Veremos se nestes comicios a vila confirma a súa traxectoria demoscópica.