Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ucraína anuncia un acordo para abrir un corredor humanitario en Mariupol

Ucraína anuncia un acordo para abrir un corredor humanitario en Mariupol

No últimos tres días non se abriu ningún corredor humanitario, nin nesa cidade nin noutras partes do leste do país, por non existiren garantías de seguridade

Fontes da alcaldía de Mariupol calculaban estes días que quedan na cidade uns 100.000 cidadáns

O exército ruso dálle un novo ultimato ruso aos defensores de Mariupol para que se rendan

G24.gal 20/04/2022 09:32 Última actualización 13:20

Ucraína anunciou este mércores que se alcanzou un acordo para abrir un corredor humanitario de evacuación para os civís en Mariupol e que se tratará de sacar da cidade do sur do país mulleres, nenos e anciáns.

"Dada a catastrófica situación humanitaria, imos centrar os nosos esforzos en evacuar esas persoas", indicou a viceprimeira ministra de Ucraína Irina Vereshchuk, informa o portal Ukrinform.

Nos últimos tres días non se abriu ningún corredor humanitario, nin nesa cidade nin noutras partes do leste do país, por non existir garantías de seguridade, segundo Vereshchuk.

A guerra en Ucraína entra na súa oitava semana e os combates esténdese por unha ampla fronte de case 500 quilómetros que vai desde Khárkiv, no leste, a Mariupol, no sur.

Por terceira vez desde a fin de semana, Rusia deu outro ultimato ás tropas ucraínas que resisten na planta metalúrxica de Azovstal para que se rendan, despois de que o martes expirasen outros prazos anteriormente dados sen que se producise esa rendición.

Na planta siderúrxica atópanse os últimos resistentes entre as tropas ucraínas, en número non determinado, pero que se estima nuns 2.000 a 2.500. Tamén aí se refuxiaron máis de mil civís, segundo fontes ucraínas.

Nunha mensaxe publicada nas redes sociais, un dos defensores de Mariupol di que os superan en número nunha proporción de dez a un e pide axuda á comunidade internacional para seren trasladados a un país neutral.

Fontes da alcaldía de Mariupol calculaban estes días que quedan na cidade uns 100.000 cidadáns, do medio millón que tivo ata o inicio da invasión rusa, o 24 de febreiro.

A axuda militar segue chegando a Ucraína. "Sen entrar en detalles sobre o que subministran outros países, diría que recibiron aparatos adicionais e repostos para aumentar a súa frota de avións", dixo o voceiro do Pentágono estadounidense, John Kirby.

Noruega anunciou o envío dun cento de sistemas de defensa aérea tipo Mistral para o exército ucraíno.

Segundo a intelixencia militar británica, Rusia continúa acumulando tropas na fronteira común con Ucraína para alimentar a ofensiva en Donbás.

O alto mando militar ucraíno informou de combates nas localidades de Lyman, próxima á estrada que une Khárkiv e Slovyansk, e en Marinka, na periferia da cidade de Donetsk. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade