Trump estivo no cárcere 20 minutos
A fiscal de Fulton, Fani Willis, acúsao de 13 delitos por liderar unha trama mafiosa con 18 aliados para tentar reverter a súa derrota electoral en Xeorxia
Deles, 11 xa se entregaron á xustiza, como a seu exavogado Rudy Giuliani, e espérase que outros sete o fagan este venres
O expresidente Donald Trump, cercado desde hai tempo polos tribunais, pisou finalmente un cárcere, pero saíu rapidamente en liberdade tras pagar unha fianza.
O republicano cumpriu coa orde da xustiza e entregouse nunha prisión de Atlanta para ser fichado na súa cuarta imputación. Esta vez, por tentar reverter o resultado das eleccións presidenciais de 2020 no estado de Xeorxia, onde perdeu por unha estreita marxe contra Joe Biden.
A chegada de Trump a Atlanta, desde que aterrou no seu avión privado ata que se trasladou ao cárcere do condado de Fulton, foi televisada polas principais cadeas do país en horario de máxima audiencia.

Unha foto histórica
No interior do cárcere, o persoal penal anotou o seu peso e altura: 6,3 pés e 215 libras (1,90 metros e 97 quilos). Tomoulle as impresións dixitais e fíxolle unha foto para a ficha policial, a primeira dun expresidente estadounidense.
Co cello engurrado, unha mirada desafiante e a súa habitual gravata vermella, a imaxe de Trump pasará á posteridade, ou polo menos quedará inmortalizada en miles de camisetas dos seus seguidores.
En ningunha das súas tres anteriores imputacións penais, a do suborno á actriz porno Stormy Daniels e a dos documentos clasificados e a do asalto ao Capitolio, tivera que comparecer nunha prisión nin se lle tomou unha fotografía policial.
O shériff do condado de Fulton xa advertira que Trump non tería un trato especial e que sentaría ante a cámara igual que o resto de procesados.

Pero o certo é que a súa fichaxe foi moito máis áxil do habitual, xa que os avogados do expresidente pactaran previamente coa Fiscalía unha fianza de 200.000 dólares, uns 185.210, para a súa inmediata posta en liberdade.

Uns 20 minutos despois, Trump saía da prisión no mesmo convoi blindado co que chegara, sen que a prensa o vise e sen ter que pasar a noite ou mesmo días esperando unha audiencia para determinar a fianza, como lle ocorre a moitos reos deste penal.

Non experimentou en carne propia as condicións de insalubridade e violencia que hai na prisión de Fulton e que son obxecto dunha investigación do Departamento de Xustiza desde que o ano pasado atoparon un preso sen vida, desnutrido e cheo de insectos.
Diante da prisión, ducias de simpatizantes de Trump, algúns reincidentes neste tipo de eventos, desafiaban a calor para expresar o seu apoio ao exmandatario, coa axuda dos xeados que vendía un carriño que hoxe fixo o seu agosto.
A escolta que levaba Trump era practicamente a dun presidente electo.
E agoa que?
Pero do que realmente o acusa a fiscal de Fulton, Fani Willis, é de 13 delitos por liderar unha trama mafiosa con 18 aliados para tentar reverter a súa derrota electoral en Xeorxia, un dos estados chave para gañar a presidencia.
De ser declarado culpable de todos os cargos, o expresidente republicano podería ser condenado a ata 76 anos e medio de cárcere.
Unha das principais probas na súa contra é a gravación dunha chamada de xaneiro de 2021 na que pediu ao secretario de Estado de Xeorxia, Brad Raffensperger, que lle "atopase" 11.780 votos, un máis dos que conseguira Biden.
O republicano considera todos os casos na súa contra unha "caza de bruxas", e aínda hoxe segue sostendo o boato de que gañou as eleccións de 2020.
Willis quere demostrar que Trump violou a chamada lei RICO, unha lexislación utilizada en Xeorxia para perseguir a capos da mafia, e propuxo que o xuízo arrinque o próximo 24 de outubro.
Xunto a el están imputadas outras 18 persoas. Deles, 11 xa se entregaron á xustiza, como o seu exavogado Rudy Giuliani, e espérase que outros sete o fagan este venres.

Cuarta investigación
Esta cuarta imputación cobrou especial relevancia porque ao tratarse dun proceso xudicial estatal en lugar de federal, Trump non podería indultarse a si mesmo en caso de recuperar a presidencia estadounidense.
E é que os procesos xudiciais non fixeron efecto na súa popularidade: o exmandatario é o gran favorito para facerse co nomeamento republicano para as presidenciais de 2024, en que espera baterse de novo con Biden.
Xusto onte, Trump foi o grande ausente do primeiro debate televisado entre aspirantes republicanos ao nomeamento. Entregouse en horario de máxima audiencia. Tivo no cárcere de Fulton o estudio que quería.