Resposta europea á política proteccionista de Trump: debe ser firme pero estratéxica, por Maite Cancelo
OPINIÓN
Resposta europea á política proteccionista de Trump: debe ser firme pero estratéxica, por Maite Cancelo
A última resposta de Europa á política proteccionista de Trump é anunciar novos aranceis a produtos americanos sobre uns 100 mil millóns de euros, que afectarían a produtos industriais (como automóbiles ou avións de Boeing), produtos agrícolas, pero tamén á chatarra e a produtos químicos, iso si, sen detallar os gravames específicos e mesmo reservándose algúns sobre os servizos dixitais. En calquera caso, estas medidas someteranse a consulta pública ata o 10 de xuño para coñecer a opinión dos sectores afectados, polo que, de entrar en vigor, non o farían, probablemente, ata principios de xullo.
En paralelo tamén anunciou que antepoñerá unha denuncia diante da Organización Mundial do Comercio sobre os aranceis masivos impostos por Trump a todas as importacións do país, demanda que podería tardar en ter unha resposta.
O certo é que responder con novos aranceis pode parecer unha resposta lóxica e necesaria desde a perspectiva da reciprocidade. Se un socio comercial impón barreiras, é razoable que a outra parte faga o mesmo para protexer as súas industrias. Ademais, aplicar contramedidas arancelarias permitiría á UE mostrar firmeza diante do que considera prácticas inxustas ou unilaterais e preservar a súa credibilidade cara a outros actores globais. Este tipo de resposta pode servir como presión para lograr negociacións máis equilibradas e evitar que outros países adopten políticas similares crendo que Europa non responderá.
Con todo, hai riscos evidentes. Unha escalada arancelaria pode desembocar nunha guerra comercial que afecte negativamente tanto aos consumidores como ás empresas europeas, especialmente aquelas que dependen do comercio transatlántico. As cadeas de subministración globais están estreitamente interconectadas e calquera restrición pode traducirse en aumento de prezos, perda de competitividade e arrefriamento económico. Ademais, responder con aranceis podería desviar a atención doutros desafíos estratéxicos como a transición enerxética, a innovación tecnolóxica ou a seguridade alimentaria.
De feito, en marzo xa se adoptou unha resposta contra a subida arancelaria ao aceiro e ao aluminio en termos de “euro por euro, dólar por dólar”, medida que se paralizou dada unha posible vía de negociación coa administración americana, aínda que, iso si, e como é habitual, a resposta foi unilateral, producíndose unha situación moi inxusta e estratexicamente insostible, ao derivarse un desequilibrio na negociación e, á vez, expoñer a unha competencia desleal sectores clave da economía europea, como o siderúrxico e o agroalimentario.
A proposta actual é lixeiramente distinta, xa que non se pretende unha escalada nas contramedidas arancelarias senón reequilibrar a situación. Ademais, non se incluíron algúns produtos, como os farmacéuticos, semiconductores ou materias primas críticas para non autolesionar a propia industria europea.
A resposta de Europa debe ser firme pero estratéxica, aplicando aranceis puntuais sensibles para Os Estados Unidos pero sen pechar a canle de diálogo e fortalecendo a súa cooperación con outros actores internacionais afectados e defendendo o sistema multilateral de comercio que está baseado en regras e cun organismo que se creou para defendelas, a OMC.
En conclusión, Europa si que debe responder, pero con intelixencia. Os aranceis poden ser unha ferramenta válida, sempre que se utilicen con moderación e como parte dunha estratexia máis ampla que inclúa diplomacia, alianzas internacionais e fortalecemento interno. O obxectivo non debe ser castigar, senón protexer os intereses europeos e fomentar un comercio global máis xusto e sostible.