O presidente estadounidense, Donald Trump, afirmou este xoves ao remate da súa reunión en Davos co líder ucraíno, Volodímir Zelenski, que o encontro para abordar o final da guerra de Rusia en Ucraína foi “bo” e reiterou que ambas as partes queren alcanzar a paz.
“Creo que a reunión foi boa, a reunión co presidente Zelenski foi boa. É un proceso en curso e está morrendo moita xente”, dixo Trump ante a prensa á saída do encontro, que durou algo menos dunha hora.
O presidente estadounidense apuntou que os seus emisarios Steve Witkoff e Jared Kushner entrevistaranse o venres en Moscova co líder ruso, Vladímir Putin.
“Tiven unha reunión moi boa con Zelenski. Todo o mundo quere que a guerra remate”, repetiu Trump, tras asegurar que tan só o mes pasado morreron no conflito 30.000 persoas, sobre todo soldados.
“É realmente unha guerra que ten que acabar”, subliñou o presidente dos EUA.
Witkoff dixera previamente nun panel do Foro Económico Mundial que só queda unha cuestión aberta.
O mandatario ucraíno declarou aos medios tras a reunión que o encontro fora “moi bo”, “produtivo e substancial”.
Tras o seu discurso no Foro Económico Mundial, Zelenski dixo sobre as palabras de Trump que non está seguro “de que Putin queira rematar esta guerra”.
Pero “a súa economía está moi cansa e o seu Exército tamén, con 35.000 soldados rusos mortos cada mes”, dixo.
“Depende deles se queren continuar a guerra ou non. Nós queremos deter esta guerra, e creo que o presidente Trump pode facelo, porque el mantén un diálogo con Putin ao mesmo nivel, non todo o mundo o ten”, sinalou Zelenski.
Indicou que a cuestión que aínda está aberta nas negociacións á que se referiu Witkoff é a do “leste” de Ucraína e a cesión de “territorio” que esixe Rusia.
Sobre a reunión de dous días o venres e o sábado en Abu Dabi, Zelenski confirmou que enviará un equipo aos Emiratos Árabes Unidos, que “estará listo para tratar diferentes puntos do plan” de paz.
Se haberá resultados ou non, non pode aseguralo, dixo, pero “temos que desexar que ese primeiro paso” trilateral “nos achegue un pouco máis cara á paz”, engadiu.
“Se todas as partes traballan moito, remataremos esta guerra, pero se alguén quere xogar (só a negociar) esta guerra continuará”, destacou.
Zelenski sostivo que Ucraína “non foi ignorada” en Davos, porque sempre hai diferentes temas e retos no Foro, pero “esquecéndote da guerra non resolves o problema”, dixo en referencia a outros desafíos como Groenlandia ou Irán.