Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trofeos de caza achados nun xacemento de Madrid demostran que os neandertais xa tiñan capacidade simbólica

Trofeos de caza achados nun xacemento de Madrid demostran que os neandertais xa tiñan capacidade simbólica

"Ata o de agora, a nosa especie considerouse como a única con capacidade para atribuír conceptos aos símbolos", di Enrique Baquedano, investigador da Universidade de Valladolid, "pero a partir destes achados obriga a compartir ese atributo intelectual cos neandertais"

G24.gal 27/01/2023 13:55 Última actualización 27/01/2023 14:13

Os neandertais xa tiñan capacidade simbólica. Un equipo de científicos estudou o xacemento da cova da Des-Cubierta en Pinilla del Valle (Madrid) e comprobou que esta especie humana xa utilizaba os cranios de grandes herbívoros como trofeos de caza.

O traballo de investigación, cuxas conclusións se publican na revista Nature Human Behaviour, foi dirixido polo arqueólogo Enrique Baquedano; o paleontólogo Juan Luís Arsuaga, director científico do Museo da Evolución Humana e codirector dos xacementos de Atapuerca, e o xeólogo Alfredo Pérez-González.

Os restos que se examinaron no coñecido como Val dos Neandertais de Pinilla del Valle converten este xacemento arqueolóxico nun lugar "excepcional" en termos científicos, subliñaron os centros de investigación que participaron nos traballos, que se prolongaron durante o últimos catorce anos.

A análise dos restos destes homínidos que viviron na rexión hai 40.000 anos permitiu demostrar que utilizaban os restos de grandes herbívoros como trofeos de caza e comprobar así que xa tiñan capacidade simbólica.

Todos os cranios deste santuario de caza, entre os que destacan os de bisontes, uros, cervos  e dous de rinocerontes, foron preparados polos neandertais seguindo un mesmo patrón: quitábanlles a mandíbula e o maxilar superior, consumían os miolos e deixaban a parte do cranio cos cornos ou hastas a xeito de trofeo de caza.

“Un dato importante é que puidemos constatar que a actividade mantívose ao longo de, polo menos, varias xeracións, o que introduce o concepto de tradición cultural que pasaría de xeración en xeración”, explicou o paleontólogo da Universidade Complutense Juan Luís Arsuaga.

O investigador da Universidade de Valladolid Enrique Baquedano observou que este comportamento dos neandertais de hai algo máis de 40.000 anos "non está relacionado con actividades de subsistencia, senón máis ben con outras que achegan información sobre aspectos bastante descoñecidos para esta especie de homínido”.

“Ata o de agora, a nosa especie considerouse como a única con capacidade para atribuír conceptos aos símbolos, unha teoría que, a partir destes achados, obriga a compartir ese atributo intelectual cos neandertais”, di Baquedano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade