Os nutricionistas advirten sobre os mitos dos produtos 'cero' e 'sen'
Lembran que calquera dieta debe ser equilibrada, variada e adaptada a cada persoa
Co verán cada vez máis preto, moitas persoas desexan lucir unha figura mellor, e queren perder peso. Algúns, substitúen os produtos habituais por outros que sexan cero, baixos en calorías, baixos en graxa...
"Todas estas denominacións a industria alimentaria úsaas como un reclamo bastante potente. Os refrescos, que son cero, ou galletas, que son cero, tampouco é que sexan moi aconsellables, porque moitas veces levan edulcorantes que poden ser prexudiciais a nivel dixestivo", explica Sofía Bouzas Santos, nutricionista.
Non sempre é saudable prescindir, por exemplo, das graxas.
"Os lácteos é fundamental que sexan enteiros para que proporcionen vitamina D. Entón estas opcións desnatadas que a priori parecen mellores polo tema das calorías, non son aconsellables", di a nutricionista.
Mellor ca eliminar, é optar por unha dieta rica, variada e de proximidade. Co azucre, no caso das persoas sas, pódese comer un doce de vez en cando e ir reducindo aos poucos.