O foguete Starship chega a órbita pero cae no Océano Índico tras unha fuga de combustible
A fuga produciu a perda de presión, alterando o control de altitude, necesario para un regreso seguro
Non se puideron despregar os satélites simulados de Starlink nin revisar os escudos que protexen o aparello das altas temperaturas
As dúas probas anteriores remataron coa explosión da nave

O foguete Starship, no que a empresa SpaceX do magnate Elon Musk confía para conquistar Marte, alcanzou este martes a órbita terrestre pero rompeu e caeu ao Oceáno Índico tras perder combustible no seu noveno voo de proba.
O lanzamento foi retransmitido por vídeo en directo, cunha conta atrás que parou durante varios minutos ata que ás 19:37 hora local a nave engalou desde Starbase, a base recentemente nomeada cidade preto de Brownsville, na fronteira con México.
O foguete, cunha altura de 121 metros, estaba composto por dúas partes: o propulsor Super Heavy, dotado con 33 motores Raptor e reutilizado tras unha proba anterior, e unha nave espacial de segunda etapa chamada Starship.
A engalaxe foi exitosa, tendo en conta que as dúas últimas probas terminaron en explosión. Non obstante, minutos despois, arredor das 20:32 horas, a empresa perdeu contacto coa nave, que xa daba voltas e parecía ter a capacidade de orientación estragada.
O responsable de comunicación de SpaceX, Dan Huot, un dos presentadores do acontecemento, atribuíu a fugas de combustible a perda do control de altitude, necesario para orientarse na súa reentrada na atmosfera terrestre.
Ademais, o foguete non puido abrir un portón polo que se ían despregar en órbita por primeira vez varios satélites simulados de Starlink, un dos obxectivos da misión, nin supervisar os escudos que protexen a nave das altas temperaturas.
"Starship conseguiu chegar á separación programada do motor da nave, así que é unha gran mellora respecto ao último voo", resumiu Musk en X, e recoñeceu que a fuga de fuel provocou unha perda de presión no tanque que desembocou no seu fracaso.
"Coma se o voo non fora o suficientemente excitante, o Starship experimentou un rápido desmonte imprevisto", indicou a empresa na rede social X, ao que engadiu que o éxito é froito da aprendizaxe e que a proba axudará a mellorar a fiabilidade do foguete.
Aínda así, o magnate mostrouse optimista e adiantou que os próximos tres voos estarán menos espazados, un cada 3 ou 4 semanas.
A Administración Federal de Aviación (FAA) dixo ter coñecemento dunha anomalía na misión, asegurou que estaba a colaborar con SpaceX e descartou que houbese danos materiais ou persoais por mor do fallo e a desintegración do foguete.