Xa hai data para o lanzamento do 'Amazon do espazo' fabricado en Nigrán
UARX está a uns meses de rematar o primeiro vehículo de transferencia orbital construído en España
Viaxará nun dos foguetes SpaceX de Elon Musk dende California en xuño de 2026
3, 2, 1... De Nigrán ao ceo. Xa hai data para o lanzamento de Ossie, o vehículo de transferencia espacial que está fabricando unha pequena empresa galega, UARX Space. É o primeiro dispositivo deste tipo que se constrúe en España e un dos únicos cinco que hai no mundo.
Os seus creadores explican que nestes momentos só hai tres en funcionamento e dous, un deles o seu, en construción. Ossie é algo así como o taxi que te recolle no aeroporto cando fas unha viaxe e tes que chegar ao hotel, só que os seus clientes serán minisatélites. O traballo do vehículo galego será sacalos do foguete e colocalos en diferentes órbitas.
"É como un Uber ou un Amazon", explica a directora e cofundadora de UARX, Yanina Hallak. "Imos deixando pasaxeiros en distintos puntos do espazo, que nós denominamos órbitas".
Ossie vai levar doce pasaxeiros de sete países distintos. Algúns son minisatélites que quedarán libres no espazo. Pero tamén transportará algúns viaxeiros que non baixarán, é dicir, dispositivos que permanecerán fixados ao vehículo mentres xira arredor da Terra. Son aparellos construídos por distintos clientes que queren facer probas ou experimentos mentres Ossie está en órbita, sabendo que ten unha vida útil de dous anos. Xa hai data de lanzamento, xuño de 2026. O plan é que viaxe ao espazo nun dos foguetes de Elon Musk.
"Vaino lanzar SpaceX, dende a base militar Vanderberg dos Estados Unidos", apunta o director de Tecnoloxía e tamén cofundador de UARX, Andrés Villa.
UARX é unha empresa certamente pequena. Ten só dezaoito traballadores. Pero xa recibiu varios premios e distincións, entre eles unha da NASA pola súa capacidade de innovación. Están no polígono do Porto do Molle, en Nigrán.
Taxi orbital
Os vehículos de transferencia espacial axudan a colocar no firmamento outros vehículos ou dispositivos que, por si mesmos, terían dificultades para situarse nun punto concreto. Ossie viaxará dentro dun foguete cargando cos seus pasaxeiros e, unha vez no espazo, se irá movendo para deixar cada un deles no seu destino.
"Iremos subindo órbitas para deixar un pasaxeiro, neste caso un nanosatélite; logo outra manobra para deixar outro e así ata completar o resto dos pasaxeiros", resume a CEO de UARX, Yanina Hallak.