Publicador de contidos

Publicador de contidos

Starship de SpaceX completa con éxito o seu décimo voo de proba tras tres intentos fallidos

Starship de SpaceX completa con éxito o seu décimo voo de proba tras tres intentos fallidos

A nave engalou de Texas e amarou no océano Índico despois dunha hora de voo

Superou fitos clave como a separación do propulsor e a simulación de despregadura de satélites

REUTERS/Steve Nesius REUTERS/Steve Nesius
G24.gal 27/08/2025 19:00

A nave Starship da compañía aeroespacial SpaceX, propiedade de Elon Musk, completou con éxito este martes o seu décimo voo de proba despois de tres intentos errados.

O lanzamento, seguido en directo por dous millóns de persoas a través de internet, converteuse nunha das probas máis destacadas do programa.

Starship engalou ás 18:30 hora local de Texas (23:30 GMT) desde Starbase, no sur do estado, logo de dous adiamentos por problemas técnicos e condicións meteorolóxicas.

Tras unha viaxe dunha hora e seis minutos, amarou sen incidentes no océano Índico.

Unha nave reutilizable

O vehículo está composto polo propulsor Super Heavy e pola nave Starship. O obxectivo de SpaceX é conseguir que as dúas partes sexan reutilizables para reducir custos nas futuras misións de regreso á Lúa e chegada a Marte.

Super Heavy separouse arredor de sete minutos despois da engalaxe e caeu no golfo de México, aínda que non está confirmado se o fixo enteiramente dunha peza.

Entre os avances da misión destaca a simulación da despregadura de satélites falsos a través dun portón lateral e o reencendido dun motor en pleno voo, algo que a compañía só lograra unha vez.

Unos 45 minutos despois da saída, Starship iniciou a súa reentrada na atmosfera, alcanzando velocidade subsónica nos últimos instantes antes de amarar no Índico. A proba transmitiuse en directo mediante cámaras a bordo e coa rede de satélites Starlink, e estivo marcada polos vítores dos empregados ao superarse cada fito.

Modificacións despois de tres erros

As tres probas anteriores remataron coa perda da nave.

Na última, o 27 de maio, as investigacións detectaron fugas de combustible que provocaron problemas de estabilidade e finalmente a explosión do vehículo.

Para este décimo intento, SpaceX introduciu cambios, como a retirada de numerosas lousas para comprobar a resistencia da nave durante a reentrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar