Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Comisión Europea abre unha investigación a X polas imaxes sexualizadas de Grok

A Comisión Europea abre unha investigación a X polas imaxes sexualizadas de Grok

Bruxelas investigará a intelixencia artificial de X pola creación de imaxes sexualizadas e espidos sen consentimento de mulleres e nenos 

Ademais a Comisión Europea examinará se está cumprindo coas súas obrigacións da Lei de Servizos Dixitais ás que está suxeita cando opera na UE 

Imaxe da intelixencia artificial de X Imaxe da intelixencia artificial de X
G24.gal 26/01/2026 12:06

A Comisión Europea anunciou este luns a apertura dunha investigación contra a rede social X pola creación de imaxes sexualizadas e espidos sen consentimento por parte da súa intelixencia artificial, Grok, e que examinará se a compañía propiedade do magnate Elon Musk cumpre coas súas obrigacións baixo as leis dixitais europeas.

​​​​​​Nun comunicado, Bruxelas dixo que avaliará se X examinou adecuadamente e mitigado os riscos asociados coa posta en marcha das funcións de Grok na Unión Europea, incluíndo a posible distribución de contido ilegal como imaxes manipuladas sexualmente explícitas e que mesmo poden considerarse material de abuso sexual infantil.

"Estes riscos parecen materializarse. Por iso, a Comisión investigará se X cumpre coas súas obrigacións baixo a Lei de Servizos Dixitais para avaliar e mitigar riscos sistémicos (...) e de producir e enviar á Comisión un informe de riscos ad hoc sobre as funcionalidades de Grok que teñan un impacto clave no perfil de risco de X antes de lanzalo", sinalou.

Mesmo antes de lanzar a investigación, a Comisión Europea xa ordenara á rede social X conservar toda a súa documentación interna relativa a Grok durante 2026, no marco da investigación que mantén aberta á plataforma para analizar a súa política contra os contidos ilegais.

A orde chegou en plena polémica polas imaxes de nenos e mulleres espidas xeradas por Grok nas últimas semanas e que levaron ao Goberno francés a denunciar a X ante os tribunais, que se engaden a outros contidos como o branqueo do Holocausto que a IA da rede social publicou a finais do ano pasado.

A Comisión Europea cre que, se dá por probadas estas alegacións, X estaría a infrinxir varios artigos da Lei de Servizos Dixitais á que está suxeita cando opera na Unión Europea, incluíndo sobre a avaliación e mitigación de riscos sistémicos para os cidadáns europeos.

Bruxelas xa multou a X en decembro con 120 millóns de euros por incumprir as súas obrigacións de transparencia de acordo a esta lei polo "deseño enganoso" da súa marca de verificación azul, a falta de transparencia do seu repositorio publicitario e a falta de acceso aos datos públicos para os investigadores.

En paralelo, Bruxelas prorrogou tamén este luns a súa investigación en marcha desde 2023 sobre se X cumpre coas súas obrigacións de xestión de riscos dos seus sistemas de recomendación de contido, que incluirá o impacto de cambiar a un baseado na intelixencia artificial de Grok. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade