Tres persoas quedan feridas nun accidente de tráfico en Santiago
O coche en que viaxaban bateu contra o valado de protección de cemento no enlace do corredor da AG-59 coa AP-9
Tres persoas quedaron feridas nun accidente acontecido esta madrugada na parroquia do Eixo, en Santiago de Compostela.
O coche circulaba polo corredor da AG-59, que xunta o concello santiagués co de Teo, cando ao chegar á rotonda de enlace coa autoestrada do Atlántico, non conseguiu parar e acabou batendo contra o valado de protección de cemento.
Os bombeiros de Santiago tiveron que liberar a condutora e unha rapaza, mentres que o copiloto baixou polo seu propio pé. Os tres feridos foron evacuados ao Hospital de Santiago, dous con feridas leves e outro con prognostico reservado.
A Garda Civil de Tráfico investiga o sinistro, no que a néboa mesta e o firme esvaradío puideron influír.