Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres millóns de euros para baixar ao Villa de Pintaxo

Tres millóns de euros para baixar ao Villa de Pintaxo

O 29 de marzo coñecerase a resolución do concurso e que empresa realizará os traballos

Dous peritos xudiciais insistiron na importancia de acceder ao barco para determinar as causas do naufraxio

As familias esperan coñecer a empresa adxudicataria e que os traballos se fagan antes do mes de outubro

G24.gal 13/03/2023 09:30

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana avanzou este luns na licitación, por tres millóns de euros, do servizo de busca, localización e inspección do pesqueiro Villa de Pitanxo, que se afundiu hai case un ano fronte á costa de Terra Nova, no Canadá, e causou a morte a 21 tripulantes.

Esta licitación, iniciada a principios de febreiro e agora co expediente aberto, serve de apoio á investigación do accidente que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, segundo sinala o Ministerio.

O contrato ten un importe de 3 millóns 600 mil euros. A empresa adxudicataria disporá dun prazo de 25 días para realizar esta misión, fundamental para esclarecer as causas do accidente. A baixada ao pecio deberá realizarse entre maio e outubro, porque as condicións meteorolóxicas son máis favorables nesa época no Atlántico norte.

Boa noticia para as familias

A voceira das familias María José de Pazo afirmou que é unha "boa noticia" e esperan coñecer axiña a empresa adxudicataria e que poida desenvolver os traballos de busca.

Detallou que a data límite para os traballos é o próximo mes de outubro, aínda que esperan "que se fagan antes, por suposto".

"Demóstrase que o que pediamos as familias non era ningunha quimera", defendeu fronte á oposición á baixada ao barco mostrada por autoridades como a ministra de Transportes ou o delegado do Goberno.

De Pazo insistiu en que foron as familias e un dos sobreviventes, Samuel Kwesi, os que sempre defenderon esta postura.

"Sempre pedimos isto, sempre pedimos saber a verdade, sempre quixemos que se chegase ás causas do naufraxio, a que non se descartase ningún indicio, ningunha proba".

Dous peritos xudiciais, funcionarios do ministerio, que deben elaborar un informe no marco da investigación da Audiencia Nacional sobre o afundimento do buque galego o 15 de febreiro de 2022, insistiron na importancia de acceder ao barco para determinar as causas do naufraxio, unha das principais reclamacións dos familiares das vítimas.

O accidente do Pitanxo segue nos xulgados

Nun informe remitido ao xuíz da Audiencia Nacional que investiga o afundimento, sosteñen que o medio adecuado para iso sería o envío á zona do afundimento dun buque dotado cun equipo sonar multiondas para a localización do barco e un equipo de vehículos operados de forma remota por sinais de radio ou mediante un cable desde o buque de apoio.

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM), órgano independente adscrito ao Ministerio, considera que é "probable" atopar o barco preto do lugar do accidente, e para iso iniciou en novembro os trámites necesarios para a súa procura en augas do Atlántico Norte.

O Villa de Pitanxo naufragou a 250 millas do porto de Saint John's, na illa de Terra Nova e ocasionou a morte a 21 mariñeiros. Só tres sobreviviron: o patrón do buque, que está a ser investigado pola Audiencia Nacional, o seu sobriño e un mariñeiro de orixe ghanesa.

Algúns mariñeiros do pesqueiro Praia de Menduiña 2, que rescatou os tres únicos sobreviventes, ratificaron ante o xuíz que o patrón do barco, agora imputado, cambiou varias veces a súa versión sobre o sucedido.

Versións enfrontadas

Ata agora hai dúas versións distintas: a do patrón, que declarou que o motor deixou de funcionar e precipitou o afundimento polo mal tempo, e a do supervivente, Samuel Kwesi, que asegurou que o aparello quedou enganchado no fondo e provocou o naufraxio porque o patrón se negou a cortar os cables e perder a pesca.

A investigación xudicial que dirixe o Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional naceu tras un informe da Garda Civil, aínda que o maxistrado tamén admitiu a trámite unha querela interposta por varios familiares das vítimas contra o patrón do buque Juan Padín e a empresa armadora Pesqueiras Nores Marín.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos