'Tres', a sincronía entre a vida e o que soa ao arredor, un filme de Juanjo Giménez
'Tres', a sincronía entre a vida e o que soa ao arredor, un filme de Juanjo Giménez
A película trata sobre a comunicación ou a falta dela
Este venres chega ás salas de cine un novo filme participado pola Televisión de Galicia: 'Tres', dirixido por Juanjo Giménez e producido pola galega Frida Films. 'Tres' é unha película sobre a sincronía entre a vida e o que soa ao arredor.
A Marta Nieto non lle coinciden os sons da súa vida no momento exacto en que acontecen. O punto de partida de 'Tres' é tan atractivo como inquietante porque o seu director Juanjo Giménez pode moverse con habilidade a partir de aí entre o terror, o drama e, incluso, a ciencia ficción.
'Tres' é un filme sobre a comunicación ou a falta dela. Sobre como sincronizar as nosas vidas coas dos demais e non só no que respecta ao son.
Juanjo Giménez, gañador en Cannes do premio do xurado de curtametraxes por Timecode, rodou entre Cataluña e Galicia esta historia en que a protagonista afonda nas súas orixes galegas para atopar as respostas aos porqués do que lle acontece.
Con Marta Nieto, no elenco atopamos a Luísa Merelas, Fran Lareu, Carmen Méndez ou Cris Iglesias. O filme pasou con boa acollida polos festivais de Venecia, Toronto ou Sitges. Agora chega ás salas. Alí onde se sincronizan crítica e público.