Transplantan o corazón dun porco xeneticamente modificado a unha persoa nos Estados Unidos
O receptor, un home de 57 anos, segue con vida tres días despois, respirando por si mesmo
Transplante inédito. Un paciente norteamericano recibiu un corazón de porco xeneticamente modificado nunha tentativa inédita de salvar a súa vida.
A gran vitoria na mesa de operacións foi esa. Que o corazón dun porco, modificado xeneticamente, comezase a latexar no corpo dun ser humano despois de ser transplantado. A seguinte, que o receptor, un home de 57 anos, segue con vida tres días despois, respirando por si mesmo. O paciente, David Bennet, non tiña máis opcións.
Aínda quedan moitos retos por diante do histórico transplante, que durou sete horas, nun quirófano cheo de especialistas e con moita tensión e nervios.
Pero houbo ata aquí moitos anos de investigación. Foi famoso o paso dado en 1984, cando un bebé viviu 21 días co corazón dun babuíno. Nesta ocasión hai un salto científico: os xenes deste órgano foron transformados, ata dez veces, para evitar un rexeitamento inmediato.
De saír ben, este avance cambiará moitas cousas, di o director de Xenotransplante cardíaco da Universidade de Maryland, a responsable do experimento.
Varias empresas de biotecnoloxía están desenvolvendo órganos de porco modificados para usalos en humanos. Nun futuro, isto podería rematar coas longas listas de espera para recibir un transplante, ou cando menos acurtalas.
Con todo, aínda hai que agardar a ver como lle vai ao novo corazón de David Bennet, un operario de mantemento cunha doenza cardíaca que aceptou correr o risco e que pasou xa á historia da medicina.