Publicador de contidos

Publicador de contidos

Transportes comeza o luns a reparación do viaduto de Vichocuntín en Cerdedo-Cotobade

Transportes comeza o luns a reparación do viaduto de Vichocuntín en Cerdedo-Cotobade

A obra comezará o día despois de que faga nove meses do tráxico sinistro

Un dos carrís permanecerá cortado desde o 25 de setembro ata o 22 de decembro

G24.gal 22/09/2023 20:03

O Ministerio de Transportes iniciará este luns os traballos de reparación do viaduto de Vichocuntín da N-541, na parroquia de Pedre do municipio de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), para liquidar as desfeitas causadas polo accidente do autobús a pasada Noiteboa que deixou sete falecidos.

A obra comezará o día despois de que faga nove meses do tráxico sinistro, segundo anunciou nun comunicado o departamento que dirixe Raquel Sánchez.

A actuación contempla a instalación dun novo muro de formigón no viaduto sobre o río Lérez da nacional que une Pontevedra e Ourense, que foi en parte derrubado polo autobús. Ata agora estivo precintado e por fin será substituído por un novo, o que obrigará a reforzar e ampliar o taboleiro do viaduto, segundo explicou o Mitma.

A execución dos traballos motivará o corte dun dos carrís de circulación entre os quilómetros 66,800 e 65,100 desde as 08:00 horas do 25 de setembro ata as 13:00 horas do 22 de decembro.

O accidente de autobús de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) regresou ao foco informativo esta semana despois de que o delegado do Goberno en Galicia desvelase que o informe pericial feito pola Garda Civil determina como causa principal do sinistro un exceso de velocidade.

Esta semana tamén se reactivou a actividade do denominado Pacto de Pedre, en que participan sete alcaldes de municipios polos que transcorre a N-541 (Cerdedo-Cotobade, Punxín, Beariz, Boborás, O Carballiño, Maside e O Irixo) en demanda de melloras de seguridade na estrada nacional que cualifican de "cemiterio" pola súa alta sinistralidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade