Toque de atención de Mrsic aos seus xogadores: "Hai que baixar das nubes"
O técnico advertiu da necesidade de "esquecer o partido contra o Real Madrid"
O adestrador do Río Breogán, Veljko Mrsic, avogou por "esquecer" o triunfo da pasada fin de semana ante o Real Madrid (96-72) para centrarse no partido deste sábado a domicilio co Gran Canaria.
"Estamos un pouco relaxados esta semana e hai que baixar das nubes ao chan porque vén outro partido e no deporte conta só o presente, non o pasado nin o futuro".
O técnico advertiu da necesidade de "esquecer o partido contra o Real Madrid" para poder plantar cara a un rival "moi bo, moi forte en casa, que xoga con moita intensidade, que ten un equipo moi longo e que está nun momento bo".
"Quédannos oito partidos e imos xogar cada un como unha final. Despois de demostrar ter nivel ante o Real Madrid, como mínimo ese nivel de intensidade hai que repetilo fóra de casa e o máis importante é ter a máxima concentración porque, se non, non se pode gañar a un equipo como Gran Canaria", comentou.
O adestrador do Breogán lembrou o "pau duro" do partido da primeira volta entre lucenses e canarios (53-71).
"Foi a nosa peor anotación da tempada. Imos tentar dar mellor imaxe alí", sinalou Mrsic na súa comparecencia.