Publicador de contidos

Publicador de contidos

Topan un marabedí de 1622 en Ons, testemuño do tráfico marítimo na illa

Topan un marabedí de 1622 en Ons, testemuño do tráfico marítimo na illa

Este descubrimento casual testifica a actividade humana no arquipélago durante a época moderna

O valor económico da moeda é "reducido" pero achega información relevante sobre o pasado

Parque Nacional das Illas Atlánticas Parque Nacional das Illas Atlánticas
G24.gal 22/02/2026 12:35 Última actualización 22/02/2026 13:54

Trátase dun marabedí acuñado no 1622, durante o reinado de Filipe IV (1621-1665). Segundo avanzou o Faro de Vigo, a descuberta foi casual, nunha zona intermareal, na praia das Dornas.

A moeda está nun estado de conservación "moi deteriorado" e "con forte corrosión", cunha pátina verde asociada a aliaxes de cobre "expostas a ambientes mariños durante longos períodos".

Son algunhas das conclusións do informe preliminar do achado que supón, de acordo con fontes da Dirección do Parque Nacional, un "testemuño valioso" da actividade marítima na contorna das Illas Atlánticas nesa época. 

Barallan varias hipóteses sobre o xeito no que puido chegar ata a area: perda accidental, arrastre dos restos dun naufraxio ou mobilización de sedimentos.

Con todo, os elementos visibles permiten unha "interpretación sólida". Por unha banda, o anverso mostra un escudo central moi erosionado; e o reverso, un castelo ou motivo arquitectónico característico do cuartel de Castela e a data de 1622.

Ademais, apréciase un reselo VIII, característico dos realizados en 1641-1642, "cando se reselaron moedas antigas para convertelas en pezas de 8 maravedís ante a crise monetaria do século XVII", indica o informe.

Significado do achado

Aínda que o seu valor económico é "reducido", o informe preliminar certifica o seu interese histórico, o seu valor etnográfico -como testemuño da actividade humana en Ons na época moderna- e a súa relevancia para a interpretación do patrimonio marítimo.

Neste sentido, o descubrimento é "coherente" co contexto histórico coñecido da illa. Entón, había un intenso tráfico marítimo entre portos galegos, portugueses e rutas atlánticas; presenza de mariñeiros e poboadores estacionais, e naufraxios na contorna do arquipélago.

O seguinte paso é rexistrar o achado no inventario de bens culturais do Parque e considerar o seu uso en materiais divulgativos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade