Thomas Scrubb renova co Obradoiro ata xuño de 2025
Thomas Scrubb renova co Obradoiro ata xuño de 2025
"Sen dúbida, é unha boa noticia para afianzar a fortaleza do equipo”, valorou o director deportivo Eduardo Pascual
Thomas Scrubb vestirá a camiseta do Monbus Obradoiro ata xuño de 2025. O aleiro canadense, con pasaporte británico, chegou ao club a mediados de xullo de 2021 procedente do JL Bourg francés.
Na tempada pasada, Thomas converteuse nun xogador determinante para que o Obradoiro lograse a súa segunda mellor clasificación da historia na liga Endesa. O internacional canadense mediou 11,6 puntos, 5,5 rebotes, 1,7 asistencias para 14,4 créditos de valoración e converteuse así no xogador con máis minutos en pista dos de Moncho Fernández.
“Estamos contentos por poder lograr a continuidade dun xogador importante. Thomas suma en numerosos aspectos do xogo. Posúe moita consistencia, e ese plus de enerxía que é capaz de dar. Sen dúbida é unha boa noticia, para afianzar a fortaleza do equipo”, valorou o director deportivo Eduardo Pascual.