Publicador de contidos

Publicador de contidos

Testemuños en primeira persoa: a importancia de doar medula ósea

Testemuños en primeira persoa: a importancia de doar medula ósea

A asociación de persoas transplantadas reuniu en Santiago expacientes, familiares, persoal sanitario e voluntariado

A reunión intercalou testemuños con vídeos de Asotrame
G24.gal 26/04/2024 21:15 Última actualización 27/04/2024 10:58

Trinta mil persoas serán diagnosticadas dun cancro no sangue ao longo deste 2024, segundo as previsións das Asociacións de Transplantados de Medula Ósea, e iniciarán un longo proceso no que necesitarán, eles e a súa familia, todo o apoio posible.

Asotrame fundouse con ese fin hai dez anos en Galicia, para apoiar os afectados e para concienciar a cidadanía da importancia da doazón de medula. Na nosa comunidade hai quince mil doadores pero a familia da asociación quere sumar máis membros.

Fachendosos dos seus primeiros dez anos de vida e do que levan conseguido, expacientes, coidadores, persoal sanitario e voluntarios compartiron en Santiago testemuños en primeira persoa sobre como cambia a vida tras un diagnóstico de cancro hematolóxico.

"Durante o proceso é fundamental o apoio emocional ao paciente e á familia, e despois do proceso porque os sobreviventes temos secuelas", explica Cristina Piñeiro, expaciente e presidenta de Asotrame.

Presentes xa nos hospitais de referencia galegos ambicionan máis. Teñen dúas casas para familias e un equipo técnico de psicólogos e traballadores sociais. Piden máis axuda, persoal e económica, para poder apoiar máis.

Un dos testemuños que escoitamos na sesión foi os de Jessica Rodríguez, voluntaria de Asotrame que coidou a súa nai durante e despois do proceso do transplante.

"Ao final na cadea sanitaria hai moitas carencias e desde o punto de vista de pacientes e coidadores pois é un xeito de facer de altofalante".

Outro foi o de Jesús Covelo, expaciente de linfoma de Hodgkin e exciclista profesional.

"A nosa experiencia, o que temos pasado pode axudar outras persoas a ver que estamos en condicións de facer unha vida normal".

En España fanse arredor de 1.600 transplantes de medula ao ano e só hai unha probabilidade entre 3.500 de compatibilidade. Doar é a esperanza dos xa diagnosticados e dos miles que terán un diagnóstico de cancro hematolóxico en 2024.

"Grazas a persoas que doan a súa medula ósea outras persoas coma min estamos vivas", asegura Cristina Piñeiro.

Visibilidade e sensibilización poñen o foco na doazón de medula e na necesidade de máis recursos para a investigación, trinta anos despois do primeiro transplante de medula ósea que se fixo en Galicia en 1993.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade