Restablécese o tráfico na A-6 entre Lugo e o Bierzo tras cortarse por causa da neve
A neve obrigou a cortar o tráfico na Autovía do Noroeste entre As Nogais e A Veiga de Valcarce a última hora da mañá
Rescatan varias familias illadas pola auga en Begonte debido ao desbordamento do Ladra
A práctica totalidade da frota de pesca está amarrada a causa do temporal no mar

A masa de aire frío procedente do norte de Europa que afecta este martes Galicia e que se prevé vai deixar neve a partir dos 300 metros, ondas de máis 8 metros no noroeste, forte vento e intensa chuvia, xa está a provocar numerosas incidencias en todo o país.
Á última hora da mañá a DXT comunicaba que se cortaba o tráfico na A-6 entre As Nogais e A Veiga de Valcarce a causa da neve. A circulación interrompíase entre os quilómetros 419 ao 438. Máis tarde o tráfico restablecíase pouco despois dás 15:00 aínda que condicionado polo estado da estrada.
112 rexistrou desde a medianoite do luns ata as 12 horas deste martes 709 incidencias vinculadas polo temporal en Galicia.
De entre todas eses problemas causados polo temporal destaca o concello de Begonte. Tres familias quedaron illadas nas súas casas rodeadas por varios metros de auga. Para poder evacuar as sete persoas que quedaron atrapadas foi preciso traer unha lancha pneumática.
O desbordamento do Ladra obrigou a cortar o tráfico na N-VI ao seu paso por Begonte dende primeira hora da mañá. Na propia N-VI, un condutor quedou bloqueado no seu vehículo coa auga á altura das xanelas no quilómetro 525, polo que necesitou atención hospitalaria.
Pero este afluente do Miño continuou subindo de nivel co paso das horas cubrindo a vía férrea, o que obrigou a interromper a circulación de trens entre Baamonde e Rábade.
No concello de Lugo, o Miño supera xa os catro metros de altura, por riba do limiar de alerta. A auga entrou nas instalacións do colexio da Ponte. Dende o centro xa enviaron mensaxes aos pais a primeira hora da mañá para que non levaran os pequenos.
A Policía Local mantén cortadas tres vías por asolagamentos. No Hotel Balneario, inactivo nesta época do ano, está completamente asolagada a planta baixa.
En Láncara un tren levou por diante unha árbore. En Cospeito, a estrada LU-P-1702 sofre inundacións pola crecida do río. O mesmo ocorre na parroquia de Árbol, en Vilalba.
En Mondariz-Balneario unha persoa quedou ferida nunha saída de vía tras esquivar varias árbores caídas.
En Pontevedra, o temporal provocou unha enorme fochanca na estrada, a EP-0017, ao seu paso por Campañó. Un coche que circulaba pola zona caeu no buraco. Con todo, o condutor saíu do vehículo polo seu propio pé. O tráfico na zona permanece pechado arestora.
Ondas e vento
Todo o litoral está en alerta laranxa por ondas de entre 5 e 8 metros e desde as 15:00 horas o aviso será de nivel vermello por ondas que poden superar os 8 metros na Costa da Morte e no litoral noroeste da Coruña, ata Estaca de Bares.
Toda a costa está en alerta laranxa por vento do noroeste que poden superar os 80 quilómetros por hora.
Unha complicada situación que obrigou os barcos a permanecer amarrados a porto. Na zona do noroeste da provincia da Coruña, o aviso vermello quedará activado a partir das tres da tarde.
Esta situación comezará a mellorar durante a madrugada, que será cando o aviso pase a laranxa en todo o litoral galego.
Ata o momento o refacho máximo de vento foi rexistrado en Manzaneda con 175 km/h. En Muras e Viveiro chegaron aos 128 km/h.
Ante este fenómeno meteorolóxico adverso, as autoridades solicitan precaución, especialmente aos condutores que teñen que facer uso nas próximas horas da rede viaria na zona máis afectada.
Máis neve cara á tarde
Desde das 6 horas está activado un aviso de nivel laranxa na Montaña de Ourense e de Lugo, por acumulacións de neve que poden ser superiores a 20 centímetros.
A Xunta xa suspendeu nestas áreas o servizo de transporte escolar.
O aviso é amarelo por acumulación de neve superior a 2 centímetros na comarca de Valdeorras, así como o noroeste e o sur de Ourense; o sur de Lugo e o interior das provincias da Coruña e de Pontevedra. Nestes lugares, o aviso por neve sucede ao que estaba vixente ata o momento por chuvias.
Segundo a previsión, será cara á tarde cando a neve poida facer acto de presenza con maior intensidade. Polo momento, nas zonas en que comezou a caer non está causando incidencias graves.
Cumpríronse as previsións e caeu a primeira nevarada do ano. Ao longo da mañá lugares coma O Cebreiro foron tinguíndose de branco, e coas primeiras folperpas os primeiros visitantes, había ganas de neve.
Chegaron non sen dificultade. A estrada que vai ao Cebreiro foi a primeira onde se complicou a circulación, prohibindo o paso a camións e vehículos articulados.
En Navia de Suarna, un camioneiro quedou bloqueado na LU-P-3501.
Interior de Pontevedra e da Coruña
Frío intenso e unhas tímidas folerpas esta mañá en Dozón. Está previsto que a primeira nevada do ano chegue a medida que avance a tarde.
A circulación podería complicarse nas estradas cara á noite, de feito as máquinas quitaneves xa están preparadas pola zona.
20 ríos superan o nivel de desbordamento
O Plan de Inundacións (Inungal) estaba activado este martes en doce ríos tras superar o nivel de desbordamento, pero segundo evolucionou a xornada xa son vinte os que están en alerta.
Na provincia da Coruña, os ríos afectados son o Mera (Ortigueira), Furelos (Santiso), Tambre (Oroso), Rego das Mestas (Valdoviño), Mandeo e Mendo (Betanzos), Xallas (Santa Comba) e Ulla (Santiso).
En Lugo esta lista compóñena o Ouro (Foz), Paga (Guitiriz), Ladra (Vilalba en Begonte) Cobo (Cervo), Labrada (Xermade) e Sor (O Vicedo). Tamén o Miño, ao seu paso pola cidade de Lugo tamén está afectado por este aviso, e de feito o río xa se botou fóra e obrigou a cortar o paseo e a estrada que transcorre ao seu carón nas proximidades do club fluvial.
En Pontevedra o único río afectado é o Lérez (Pontevedra), mentres que en Ourense non hai ningún río afectado por esta alerta.
En Ourense, sumáronse á listaxe o Miño (Ourense e A Peroxa), Sil (Barco de Valdeorras), Avia (Ribadavia) e Arnoia (Baños de Molgas).
Folgoso do Courel, onde máis choveu, recolléronse 149 litros
As intensas precipitacións rexistradas en Folgoso do Courel provocaron problemas para circular polas estradas deste concello. O máis grave foi un desprendemento no desvío provisional para acceder á capitalidade dende Quiroga. A auga arrastrou terra, pedras e mesmo varias árbores, que atrancaron un carril.
"O estado da estrada é bastante problemático. Hai este desprendemento, hai outro no quilómetro 22 e mais hai charcos de auga. Cómpre circular con precaución", di José Luis González, de Conservación de Estradas da Xunta.
Con 149 litros acumulados por metro cadrado, Folgoso do Courel foi o concello galego onde máis choveu nas últimas horas. De feito, formáronse torrentes de auga en varios tramos da rede viaria.
Aos case 150 litros por metro cadrado de precipitacións de Folgoso, séguenlle os 147 de Abadín, os 146 da Lama ou os 138 de Vilariño de Conso.