Alerta en doce leitos fluviais por risco de rebordo
Son o Mandeo, Mera, Lérez, Ouro, Furelos, Parga, Ladra e Tambre
Activado o Plan Especial de Inundacións de Galicia
Nas vivendas de Lanzós, en Vilalba, viron como a auga entraba nas casas en cuestión de minutos e foi preciso colocar barreiras, cortar a luz e dar aviso a Protección Civil.
Neste caso mesturouse a intensidade da chuvia coa mala canalización dos regatos, e van pasar a noite vixiando que a auga non faga aínda máis desfeita.
Doce ríos afectados
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior activou o Plan Especial ante o risco de inundación en Galicia (INUNGAL), en situación de alerta, ante o posible desbordamento dos ríos Lérez, en Pontevedra; do Mera, en Ortigueira; do Furelos, en Santiso; do Mandeo, en Aranga; do Mendo, en Betanzos; do Ouro, en Foz; do Parga, en Guitiriz; do Ladra, en Vilalba; do Tambre, en Oroso; do Rego das Mestas, en Valdoviño; do Covo, en Cervo, e do Miño en Lugo.
Segundo a información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, ao superaren os limiares establecidos, estes cursos están a presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden chegar a darse enchentes puntuais.
Incomunicados en Valdeorras por un derrubamento
O derrubamento dunha estrada no municipio de Vilamartín de Valdeorras (Ourense) tras as fortes choivas rexistradas deixou incomunicados uns 40 veciños de San Vicente de Leira e O Robledo.
O alcalde do municipio Enrique Álvarez Barreiro explica que xa hai uns meses se rexistrara nesta vía que une Vilamartín con San Vicente e O Robledo unha corrente de auga con desprendementos, o que se suma a que o río se desborde coa subida do leito polas últimas choivas.
En Pontevedra a auga entrou na Casa do Concello. Os efectivos de Protección Civil tiveron que traballar arreo.
A auga invadiu algunhas estradas e fixo perigosa a circulación ao longo da tarde. A vixilancia dos leitos fluviais vaise incrementar ao longo da noite ante a previsión de máis rebordos.