OPINIÓN
Telefónica e o intervencionismo do goberno , por Maite Cancelo
Hai ano e medio a operadora Saudita Telecom (STC, controlada nun 62 % polo fondo soberano de Arabia Saudita) entra no accionariado de Telefónica nunha operación valorada en 2.100 millóns de euros comprando un 9.9 % da compañía: 4,9 % en accións directas e un 5 % en derivados que necesitaban da autorización do Goberno de España para converterse en accións.
Esa autorización produciuse a finais do pasado mes de novembro, e actívase un prazo de seis meses para que a operadora saudita converta en accións directas ese 5 %. A finalización do proceso prodúcese unha semana despois da viaxe realizada polo actual presidente de Telefónica, Murtra, a Rihad para reunirse coa cúpula de STC. A última noticia é a petición por parte da teleco dun membro no Consello de Administración de Telefónica.
Hai que lembrar tamén a polémica do nomeamento de Murtra (o 18 de xaneiro deste ano), cesando o anterior, Álvarez-Pallete, que foi aprobado polo Consello de Telefónica por cooptación, primeiro nomeándoo conselleiro e, a continuación, como presidente executivo, e iso a pesar de que os estatutos da operadora indican que para ser presidente debería ser conselleiro polo menos tres anos antes da súa designación, a non ser que conte co apoio do 85 % dos membros do Consello de Administración.
Murtra é un directivo catalán próximo ao goberno socialista (desde a etapa de Zapatero), que xa foi impulsado pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) á presidencia de Indra e que, agora, é esta mesma Sociedade Pública a que o propuxo para o seu salto á de Telefónica, obtendo, para iso, o apoio de CriteriaCaixa e da propia STC, a pesar de non ter representación no Consello de Administración, ata o momento. O goberno, así, aumenta a súa capacidade de intervención nas súas decisións estratéxicas.
O curioso é que foi precisamente a chegada de STC ao accionariado de Telefónica o que deu ao Goberno a escusa para volver ao capital dunha empresa que xa estaba totalmente privatizada desde 1997 e agora, co 10 % das accións, é a SEPI e, por tanto, a Administración de Sánchez, a que está a levar as rendas do futuro da compañía a través de Murtra ao modificar o equilibrio de poderes no Consello de Administración.
Onte, tamén, o Instituto de Conselleiros Administradores (IC-A), que aglutina máis de 800 conselleiros de empresas españolas, solicitou á CNMV que investigue se a SEPI, CriteriaCaixa e STC, que suman o 29,9 % de participación en Telefónica (cando o límite está no 30 %), están obrigados a lanzar unha Oferta Pública de Adquisición sobre o 100 % de Telefónica ao entender que puideron realizar unha acción concertada dirixida a obter o control da sociedade sen pagar a prima que iso esixe con todos os accionistas.
Ademais, tamén solicitaron reformas para mellorar o Código de Bo Goberno para regular o nomeamento e cesamento dos conselleiros, que debería corresponder á Xunta Xeral de Accionistas (con tres cuartos dos votos correspondentes ás accións), e sinalan que a Administración, como accionista, debe comportarse de maneira exemplar e independente seguindo exclusivamente criterios de legalidade, neutralidade, eficacia, eficiencia e bo goberno corporativo.
A forma en que se fraguou o nomeamento de Murtra, que non estivo tres anos de Conselleiro antes de acceder á presidencia, como fixan os estatutos da compañía salvo excepcións, e dada a importancia de Telefónica como fonte de poder e información, apunta a un maior intervencionismo empresarial de Moncloa, o cal xa denunciaron as pemes españolas o pasado mes de xullo e como xa vimos cos casos de Indra, Talgo ou Naturgy.