O Supremo de Brasil concede prisión domiciliaria a Collor de Mello
O expresidente recibirá tratamento médico na casa por razóns humanitarias
Foi condenado por corrupción en contratos da filial de Petrobras

O Tribunal Supremo de Brasil concedeu este xoves prisión domiciliaria con pulseira electrónica ao expresidente Fernando Collor de Mello, de 75 anos, que se atopaba preso nun cárcere de Maceió tras ser condenado por corrupción.
O maxistrado Alexandre de Moraes, relator do caso, outorgou esta medida por "razóns humanitarias" logo de que a defensa alegase que Collor sofre enfermidades graves como párkinson e trastorno afectivo bipolar.
A decisión chegou despois do informe favorable da Fiscalía Xeral, que este mércores defendeu a prisión domiciliaria ao considerar que os documentos achegados pola defensa demostraban a gravidade da súa situación médica.
Segundo a Fiscalía, a saúde do expresidente podería deteriorarse se permanecía afastado do seu fogar e sen acceso ás medidas médicas necesarias que debe garantir o Estado.
Condenado por corrupción en BR Distribuidora
Collor de Mello foi detido despois de que De Moraes rexeitase a semana pasada o seu último recurso e ordenase o “inicio inmediato da pena” en réxime pechado, decisión que contou co apoio maioritario dos membros do Supremo.
O tribunal declarouno culpable por participar nun esquema de corrupción na empresa BR Distribuidora, antiga filial da petrolífera estatal Petrobras.
Segundo a sentenza, Collor, xunto con dous empresarios, recibiu 20 millóns de reais (uns 3,5 millóns de dólares ou 3,1 millóns de euros) para facilitar irregularmente contratos entre BR Distribuidora e unha terceira compañía dedicada á construción de bases de distribución de combustibles.