Tapia inicia un adestramento progresivo co grupo
O peruano ten difícil chegar ao partido deste domingo contra o Vilarreal en Balaídos
O internacional peruano Renato Tapia entrou este xoves na última fase da súa recuperación coa súa incorporación progresiva ao grupo, aínda que ten difícil chegar ao partido deste domingo contra o Vilarreal en Balaídos.
O centrocampista do Celta, cunha lesión no recto anterior da súa perna dereita, apura a súa posta a punto para poder reaparecer antes de finalizar o curso ligueiro, probablemente o seu último como futbolista celeste porque finaliza contrato o próximo 30 de xuño e, de momento, non chegou a un acordo para renovar.
O “cabezón” chegou ao Celta no verán de 2020 procedente do Feyenoord como aposta persoal de Felipe Miñambres, e non tardou en apropiarse da titularidade.
Foi o terceiro futbolista máis utilizado con 2.710 minutos (32 partidos), só superado por Iago Aspas (2.870 minutos) e Denis Suárez (2.863).