Sucédense as queixas polos altercados ás portas dun 'after' en Lugo
Os implicados nunha das liortas acabaron cubertos de sangue no medio da calzada
A golpes e cubertos de sangue no medio da calzada cando xa era de día. Así acabaron os implicados nunha pelexa rexistrada ás portas dun 'after' da rúa Tui, no barrio lugués da Milagrosa. Pero esta liorta non foi a única da xornada.
"Puidemos ter gravacións desde as cinco da mañá ata as dúas da tarde. Témolas das dez da mañá, das once, unha do mediodía... Esta última con liortas dun grupo de clientes do local Las Palmeras. E seguimos denunciando desde a plataforma que vai ir a peor e que vai haber consecuencias graves", advirte Fernando Toubes, voceiro da plataforma SOS Milagrosa-Lugo Norte.
Os residentes na zona din estar fartos de ter que chamar a policía por estes altercados que se suceden practicamente cada fin de semana. Denuncian que se ven privados do seu dereito ao descanso, polo que demandan solucións por parte das autoridades.
"Estamos falando de saúde, tanto mental como física, dos propios veciños. Non aguantan máis e o seu carácter está cambiando. Non poder traer, por exemplo, os seus netos, e os fillos non queren esas vivendas, que están quedando baleiras porque non poden vivir nelas. O que non entendemos é por que non se soluciona", sinala Toubes.
Tras permanecer clausurado durante 15 meses, o local que atrae como un imán as leas reabriu as súas portas o verán pasado.