Spiderman amosa os seus superpoderes aos nenos hospitalizados en Vigo
Contactou con asociacións que acompañan nenos hospitalizados e comezou a visitalos
Spiderman xa recruta outros superheroes dispostos a loitar contra o mal coa mellor das armas: os sorrisos
O Spiderman vigués di que lle picou unha araña que mutou xeneticamente polas luces led do Nadal e que dende entón tivo superpoderes. Asegura que un gran poder sempre implica unha gran responsabilidade e se podes estás obrigado a facer o ben. Así conta este Spiderman vigués como comezou a súa historia. Consciente de que podía facer o ben buscou aliados
Contactou con asociacións que acompañan nenos hospitalizados e comezou a visitalos. Asegura que así os nenos esquecen o que están a sufrir, de problemas que as veces nin tan sequera comprenden. Nesta mesma liña a directora da asociación Bicos de Papel di que estas actividades sacan os nenos das rutinas.
Pensa que ninguén mellor que un superheroe para acompañalos mentres reciben os seus tratamentos. Asegura que en realidade se tratan coma iguais xa que os nenos enfermos tamén son superheroes que loitan contra os malos cada día e co mellor dos seus sorrisos.
Spiderman contou que recibe moito máis do que dá e que pouco importa quen está detrás da máscara. Traballa nunha oficina e pouco máis se sabe deste Peter Parker vigués sempre disposto a facer o ben. De feito asegura que o seu disfrace sempre vai na mochila para axudar a quen o necesite.