Sorpresa en Galicia polas dúbidas de Defensa pola futura planta de SAIC en Ferrol
Varios medios publican hoxe a existencia de informes do Ministerio que alertan do risco de espionaxe ás instalacións militares da comarca
Rueda asegura que "é díficil de entender que agora falen de seguridade e de riscos cando Goberno central e Xunta levamos meses tramitando o proxecto de forma conxunta"
O Goberno fala de normalidade e descarta que poida caer ese investimento, que debe ser validado polo Consello de Ministros
Sorpresa en Galicia polas dúbidas de Defensa sobre a futura planta de SAIC en Ferrol. Varios medios publican hoxe a existencia de informes do Ministerio que alertan do risco de espionaxe ás instalacións militares da comarca. O proxecto deberá pasar polo Consello de Ministros, pero o Goberno fala de normalidade.
Non é habitual. Pero hoxe coinciden as portadas de dous xornais madrileños. El País e El Mundo advirten sobre o risco de seguridade que suporia a fábrica de SAIC en Ferrol. Preocupa, din, ao Ministerio de Defensa e ao CNI pola proximidade con instalacións estratéxicas da Armada española. O proxecto deberá pasar polo Consello de Ministros, pero o Goberno descarta que poida caer ese investimento.
Óscar López, ministro para a Transformación Díxital e a Función Pública dicía esta mañá: "Estou convencido de que poderá ser compatible a garantir o desenvolvemento industrial, a creación de emprego e a seguridade nacional".
A Xunta de Galicia acolleu con sorpresa a información publicada nos medios. Choca que sexa un departamento do Executivo, o Ministerio de Defensa, e un organismo dependente deste ultimo, o CNI, os que envian a mensaxe de alerta. Entroutras cousas, porque o proxecto de SAIC contou dende o primeiro momento coa implicación do Goberno de Sánchez nasnegociacións coa compañia chinesa.
Alfonso Rueda aseguraba que é díficil de entender". "É un proxecto que levamos tramitando conxuntamente o Goberno de España e a Xunta de Galicia dende hai moitos meses, coñecemos todo o seu contido, e agora sorprende que un departamento do Goberno central faga agora estes pronunciamentos cando nunca se falou de seguridade nin de riscos", dicía o presidente da Xunta.
Unhas informacións, recoñece Rueda, que non lle fan un favor ao proxecto, á vez que, di, sorprende que neste momento o maior risco para a seguridade nacional veña dunha fábrica de coches que se quere instalar en Ferrol.