Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sindicatos e patronal agoiran un outono de conflitividade laboral elevada

Sindicatos e patronal agoiran un outono de conflitividade laboral elevada

Comisións Obreiras reclama a suba do salario mínimo ata os 1.100 euros

A CEOE rexeita de plano cláusulas de garantía salarial na negociación dos novos convenios

G24.gal 17/09/2022 12:03 Última actualización 17/09/2022 13:18

Sindicatos e patronal agoiran un outono de conflitividade laboral elevada, coa alza dos prezos da enerxía e dos alimentos como pano de fondo. O empresariado e os representantes dos traballadores baten de fronte -en senllas entrevistas este sábado na Radio Galega- nas súas receitas para superar a actual crise. 

Mentres que a CEOE di que non é momento de subir o salario mínimo interprofesional e rexeita de plano cláusulas de revisión salarial na negociación dos novos convenios, dende Comisións Obreiras reclaman garantías para que os traballadores non perdan poder adquisitivo e avogan por subir o salario mínimo ata os 1.100 euros.

Nunha entrevista no Galicia por Diante da Fin de Semana, o vicepresidente da CEOE, Íñigo Fernández De Mesa, augura que a inflación non se vai moderar en España ata dentro de ano e medio e amósase contrario a que o Estado interveña para limitar os prezos dos alimentos.

Di que esta proposta é froito do descoñecemento da economía de mercado e sería volver ao proteccionismo económico e ás "cartillas de racionamento". De Mesa sinala que é probable que haxa crecemento negativo nalgún dos próximos trimestres pero que lle seguirá un rebote en positivo.

Recuperar poder adquisitivo

Pola súa banda, Comisións Obreiras defende que os traballadores non poden ser os que paguen as consecuencias do incremento do custo da vida. A secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Amelia Pérez, considera fundamental recuperar o poder adquisitivo, sexa mediante as cláusulas de revisión salarial ou por outros mecanismos.

Pérez cre que o salario mínimo debería subir ata os 1.100 euros e critica a pouca vontade negociadora da CEOE. A responsable de Comisións Obreiras non ve con malos ollos a proposta do executivo de limitar o prezo dos alimentos e amósase preocupada polo posible ERTE que podería aplicar a empresa madeireira Finsa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar