Prisión para tres dos sete detidos na operación contra o tráfico de cocaína en Galicia
Operación simultánea en varias vivendas e negocios da Coruña, Arteixo, Pontevedra e Poio
Un dos arrestados xa caera en polo menos dúas operacións relacionadas coa distribución da coca que chega por mar
Rexistros na Coruña, nun local que foi zapatería deportiva pero que leva un tempo baleiro, nunha rúa en pleno centro da cidade.
"Moita policía, Garda Civil, Policía Nacional, moitos axentes... mesmo había un can. Trouxeron a unha persoa completamente tapada e penso que esposada porque ía coas mans cara a diante. Foi moi rápido porque nunha hora xa estaba liquidado", explica unha testemuña.
E de maneira coordinada, rexistros tamén en Arteixo, onde supostamente se interviñeron dous coches marcados para a distribución da droga, e tamén no sur.
"O centro de compra é o Salnés. Case todos os grupos e organizacións veñen aquí a proverse de substancias", confirmaba hai us días o Inspector xefe da Udyco I de Pontevedra.
En Pontevedra, houbo redada nun chalé do rural e nun acaroado dunha urbanización de luxo da Caeira, en Poio. Unha zona con vistas privilexiadas. Alí detiveron un vello coñecido das unidades da loita contra as drogas. Un home que, segundo a veciñanza, vivía "a todo trapo" e que xa caera polo menos en dúas operacións anteriores, relacionado tamén con alixos de cocaína que chegan a Galicia por mar. É unha práctica habitual, segundo nos contaban recentemente na UDYCO de Pontevedra.
"O que fan as organizacións galegas, en moitos casos, é cobrar o seu traballo en especies, quedan cunha parte desas substancias estupefacientes, para distribuíla por Galicia", engadía José Abreu, inspector xefe da Udyco II de Pontevedra.
En total, sete detidos catro na Coruña e tres en Pontevedra, e 3 quilogramos de cocaína requisados. Unha cantidade que parece pequena, pero de grande importancia na loita contra os narcos.
"O noso principal interese sempre é desartellar esas organizacións", pon en valor Abreu.
A operación segue baixo segredo de sumario, pero a xuíza acaba de mandar a prisión os catro detidos na provincia Coruña, un deles xa o domingo. Os tres arrestados en Pontevedra declararán ao longo do día.