Sete de cada dez españois consomen complementos alimentarios
O exceso de inxesta de certas vitaminas pode causar problemas de saúde
Recoméndase o consello dun profesional
Os suplementos vitamínicos forman parte da rutina diaria de moitos españois. Sete de cada dez consomen a diario estes produtos. A inxestión de vitaminas disparouse coa covid porque se dicía que protexían o organismo contra o coronavirus. Os expertos advirten de que unha dieta equilibrada achega todas as substancias necesarias dun xeito natural e que consumilas en exceso ou sen a recomendación dun profesional pode xerar problemas de saúde.
Unha enquisa a nivel europeo revela que 9 de cada 10 cidadáns comunitarios inxiren a diario algún complemento vitamínico.
As vitaminas son indispensables para o organismo. Fortalecen os ósos, os músculos e o sistema inmunolóxico. Pero non son inocuas: mal consumidas, poden xerar un problema de saúde.
Alejandro Férnandez, técnico superior en Dietética di a modo de exemplo que un exceso de vitamina A podería prexudicar a visión ou un exceso de vitamina D pode ser daniño para os osos ou o fígado. As vitaminas A, E e a D poden chegar a producir toxicidade hepática.
Os complementos vitamínicos están pensados para carencias individuais concretas e para certas etapas da vida. Para bebés e na terceira idade para favorecer a síntese da vitamina D a través da pel.
Adquírense en farmacias e herboristerías, pero tamén na venda en liña. Noemí Ferreiro, farmacéutica, comenta que son produtos de venda libre pero debería contarse co consello dun profesional porque alguns produtos poden ter efectos secundarios ou interacturar con outros medicamentos que consumamos.
A través dunha alimentación equilibrada podemos obter o cen por cento das cantidades diarias recomendadas de vitaminas.