Sete de cada dez adolescentes consomen pornografía de xeito regular en España
Estudos revelan que o 75% dos contidos pornográficos consumidos teñen carácter violento
Máis da metade viron contidos pornográficos por primeira vez antes dos 13 anos
Especialistas insisten na urxencia de incorporar a educación afectivo-sexual nas aulas
Segundo datos de Save The Children, recollidos nun informe presentado pola Plataforma de Infancia, 7 de cada 10 adolescentes consomen pornografía de xeito regular en España. Máis da metade viron contidos pornográficos por primeira vez antes dos 13 anos.
E que tipo de contidos consomen? Hai estudos que sinalan que o 75% son de carácter violento apuntando a unha relación causa-efecto entre o consumo de pornografía e a violencia sexual.
Psicóloga e sexóloga, Vanessa Rodríguez, que forma parte da directiva da Sociedade Galega de Sexoloxía, é crítica con esta visión.
"É importante, cando hai un estudo deste tipo, ver como se conceptualiza a violencia porque igual o que é violento para min non o é para ti", afirma.
Antonio Tova de Llano, psicólogo especializado en adiccións, resalta que "estamos a falar de idades en que son moi influenciables para todo. Idealizar ou normalizar determinadas condutas sexuais a través do que vemos pode repercutir en como interpreto que pode ser a sexualidade"
Preocupa especialmente que moitas nenas, nenos e adolescentes non buscan pornografía pero aínda así atópana cando procuran información sexual.
Para os especialistas urxe unha educación afectivo-sexual na mocidade. Nunha enquisa recente da Sociedade Galega de Sexoloxía, 8 de cada 10 familias galegas pronunciáronse a favor de impartir educación sexual nas aulas en todas as etapas educativas.