Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sete anos de prisión para dous homes por unha agresión sexual en Vigo

Sete anos de prisión para dous homes por unha agresión sexual en Vigo

Tamén se lles impuxo a prohibición de achegarse á vítima, comunicarse con ela e liberdade vixiada tras a pena de prisión

G24.gal 01/03/2024 16:45

Dous homes foron condenados a sete anos de prisión por agredir sexualmente unha moza en Vigo en decembro de 2021, oito menos dos que solicitaba a Fiscalía.

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, considerou a Hasen C. e Mousa N. autores, cada un deles, dun delito de agresión sexual sen concorrencia de circunstacias modificativas da responsabilidade criminal.

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia impúxolles tamén a prohibición de achegarse a menos de 200 metros da vítima, así como tamén a comunicarse directa ou indirectamente con ela por calquera medio polo prazo de 12 anos. Tamén se lles impuxo a medida de liberdade vixiada por tempo de 6 anos a executar con posterioridade ao cumprimento da pena de prisión imposta.

O tribunal considerou que a declaración da muller foi conforme aos principios establecidos sobre coherencia e credibilidade, tendo o alcance suficiente para desvirtuar o principio de presunción de inocencia, xa que superou os filtros de coherencia interna e corroboracións periféricas, e persistiu na incriminación.

Os maxistrados entenden que non puido ser acreditado que as facultades mentais da moza se atopasen no momento dos feitos limitadas polo alcol e drogas consumidas nas horas previas.

Aos dous homes, de 33 e 19 anos, condenáronos tamén a aboar os custos e a indemnizar conxunta e solidariamente a vítima na cantidade de 6.112 euros, cantidade para a que se tivo en conta a "inexistencia de secuelas de ningún tipo, físicas ou morais".

A sentenza, na que cabe recurso de apelación, considera probado que na madrugada do 8 de decembro de 2021, a moza, que naceu en 2003, estableceu conversación cuns mozos, entre os que se atopaban os acusados, tanto antes como despois de estar nunha discoteca. A vítima decidiu ir fumar e beber ao domicilio de ambos, que lle aseguraron que estaba preto, aínda que non era verdade.

Na vivenda, compartida polos dous homes, un deles levou a moza ao seu cuarto e, coa fin de satisfacer os seus deseos libidinosos, comezou a bicar e a sobar a muller. Ela amosou unha clara oposición, tentando apartalo, pero non o conseguiu e berrou suplicando que a deixase, que non a tocase, que tiña mozo, pero el consumou a violación.

Cando rematou, o outro condenado entrou no mesmo cuarto e tamén a agrediu sexualmente mentres a inmobilizaba e ella lle dicía que parase.

A moza, unha vez estivo soa, vestiuse e dixo a un dos homes que quería marchar á súa casa en taxi e el acompañouna ata a parada, onde ela pediu ao taxista que a sacase de alí a e a levase á súa casa.

Como consecuencia dos feitos, sufriu un cadro de ansiedade e baixo estado de ánimo, con dificultades para concentrarse, que requiriu asistencia médica e 30 días de curación sen incapacidade, pero non se obxectivaron secuelas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade