Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sesión de fotos de mascotas con fins solidarios en Vigo

Sesión de fotos de mascotas con fins solidarios en Vigo

Unha iniciativa promovida por unha fotógrafa de animais e un salón de peiteado canino que se organiza dende hai sete anos

Este ano os fondos recadados van destinados a sete protectoras da contorna de Vigo

G24.gal 25/05/2025 21:14

Unha fotógrafa profesional especializada en animais e un salón de peiteado canino, ambos de Vigo, puxeron en marcha en 2019 unha iniciativa que combinara os dous traballos e que servira para recadar fondos con destino a protectoras de animais. Decidiron daquela instalar un photocall polo que pasaran as mascotas para ter un retrato de estudo, a cambio dun módico prezo. Este domingo instalárono nunha cafetería de Vigro, fronte ao parque de Castrelos.

O máis complicado é lograr que os protagonistas aguanten quedos os intres suficientes para que a fotógrafa logre capturar a súa mellor faciana. "Cunhas salchichiñas, un xoguete en forma de polo, algún ruidiño que poida facer para captar a súa atención. Os cans desconfiados, algún gato, son os máis complicados. Pero todos acaban tendo a súa fotografía, todos", conta Álex Rodríguez, a fotógrafa que promove esta sesión de fotos solidaria.

A iniciativa, creada hai xa sete anos, foi promovida por un estudo de fotografía e un salón de peiteado canino. Ten un propósito solidario, xa que todo o recadado polas fotos, o bingo e o mercado vai destinado a protectoras da contorna.

"Este ano son beneficiarias sete delas. Ademais de recadar cartos o obxectivo é facer ver que os animais son membros da nosa familia e que queremos facer máis plans con eles", sinala Carla Alonso, organizadora do evento. "O meu can é adoptado, e por iso quería dar ás protectoras da nosa cidade e provincia algo relacionado coa fotografía, para que a xente tamén se animara e facer algo bonito", di Álex.

Polo pequeno set instalado nunha cafetería colaboradora, pasaron unhas duascentas mascotas. Son cans na súa maioría os que pasaron polo photocall, aínda que tamén posou algún gato e mesmo unhas cobaias. Todos os modelos cederon os dereitos de imaxe para axudar os compañeiros menos favorecidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade