A precampaña marca a sesión de control ao presidente da Xunta

As preguntas sobre Sanidade do BNG e política enerxética do PSdeG remataron con acusacións cruzadas con Alfonso Rueda de electoralismo e de facer precampaña

G24.gal 05/12/2023 08:46 Última actualización 05/12/2023 18:42

O presidente da Xunta Alfonso Rueda e os grupos da oposición, BNG e PSdeG, acusáronse, na sesión de control ao Goberno autonómico, de estar xa en campaña electoral para unhas eleccións que se celebrarán o ano que vén, aínda sen data.

A líder do BNG Ana Pontón asegurou que Rueda está a facer campaña electoral "utilizando o seu cargo e os recursos públicos para a súa promoción como candidato do PP" dunha maneira que é "un auténtico escándalo democrático", en lugar de atender os problemas da sanidade pública, "co 14 por cento dos galegos en lista de espera", apostilou.

"Se eu estou en campaña, en que estarán vostedes", replicou Rueda, en referencia ao acto de proclamación de Pontón como candidata o domingo, e criticou a "demagoxia e oportunismo" do BNG ao abordar a situación sanitaria só porque "entra en campaña", cando é un tema "moito máis serio".

Rueda descartou os datos "falsos" de Pontón e considerou que vén a traer "unha copia mala", e sen adaptar sequera á realidade de Galicia, do discurso estatal de Sumar, que "son o orixinal", apuntou, polo que dixo que non lle estraña que "dobrase en votos e en escanos" ao BNG nos comicios do 23X.

Para Pontón é Rueda o que está "moi nervioso" e "moi ocupado" facendo campaña electoral, e pediulle que quite "o traxe de candidato" para falar de sanidade, porque a xente "está cansa de esperar meses e meses por unha proba" médica, tras 14 anos de gobernos do PPdeG que son "un perigo para a saúde dos galegos".

Tamén o portavoz parlamentario socialista Luis Álvarez, que preguntou ao presidente pola política enerxética e o chiringuito que cre que supón a nova sociedade mixta creada pola Xunta para xestionar os recursos naturais, instou a Rueda a pensar nos intereses dos galegos en lugar de percorrer Galicia co autobús da campaña actual do PPdeG.

"Se no canto de tomar cañas por Galicia adiante fose tomar algunha a Bruxelas, que tamén teñen unha boa cervexa, mellor iría para defender a comunidade autónoma onde a ten que defender", considerou Álvarez, que ve no Goberno galego unha "incapacidade absoluta" en política enerxética, sobre todo no desenvolvemento da eólica.

O presidente galego derivou as críticas nesta materia ao Goberno central, que "non ten a Galicia nas súas prioridades en nada, especialmente en política enerxética", e reprochou sobre todo que lle cortase "á comunidade a conexión a través o hidroducto que planea Enagás.

"Por certo, a mellor cervexa está en Galicia, non fai falta que a recomende noutro sitio", apostilou, tras sinalar que ao PSdeG o que lle molesta da súa campaña en bus por Galicia é que estea "coa xente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade