Sentury avanza no proxecto da macrofábrica de pneumáticos das Pontes
O proxecto implicaría un investimento de 430 millóns de euros
As previsións indican que podería xerar 700 postos de traballo
Unha reunión na Xunta deixou constancia de que o grupo chinés Sentury Tire vai en serio co seu proxecto de construír unha macrofábrica de pneumáticos nas Pontes. Suporía un investimento duns 430 millóns de euros coa previsión incluída de crear 700 postos de traballo. Agora pretende reducir os prazos de tramitación á metade.
"Sentury Tire vén de presentar a solicitude para poder ser declarado como Proxecto Industrial Estratéxico e, polo tanto, a garantía dunha tramitación áxil", sinalou o vicepresidente da Xunta, Francisco Conde.
Sentury céntrase na fabricación de pneumáticos low cost, ou de baixo custo. Conta con factorías na China e Tailandia. Nas Pontes ten previsto ocupar unha parcela de 120.000 metros cadrados para producir 12 millóns de pneumáticos ao ano. Un dos seus referentes estratéxicos é o porto exterior de Ferrol para levar a cabo as exportacións.
"É unha oportunidade que se vén sumar neste caso ao proxecto que pretende avaliar Ence e á propia planta de hidróxeno que Reganosa está deseñando", matizou Conde.
As Pontes converteuse no símbolo da descarbonización en Galicia e agora concentra proxectos ambiciosos. O tempo dirá se se materializan todos, pero na comarca de Ferrolterra barállanse varias alternativas máis, que van desde a eólica mariña ata a produción de etanol.