Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncia que vendeu o barco e que o comprador quedou con el e non lle paga

Denuncia que vendeu o barco e que o comprador quedou con el e non lle paga

Vendeu o barco a outro pescador por 75.000 euros en xullo de 2019

O comprador ofreceulle varias posibilidades para saldar a débeda pendente de 27.000 euros, pero aínda non chegaron a un acordo

G24.gal 23/05/2022 15:01 Última actualización 23/05/2022 15:34

Manuel Iglesias, presidente da Asociación de Armadores Coruñeses de Pesca de Baixura, é un home de mar, curtido desde os 13 anos nos caladoiros máis duros e remotos do mundo. Relata que por problemas de saúde tivo que vender o seu barco; aí comezaron os seus problemas, porque o comprador non tardou en incumprir as condicións de pagamento.

Manuel vendeulle o barco a outro pescador por 75.000 euros en xullo de 2019. Porén, o comprador, que lle tiña que pagar mensualidades de 1.562 euros, só llas aboou os dous primeiros meses; despois ía pagando sen periodicidade fixa.

A día de hoxe, o prexudicado conta que lle debe arredor de 27.000 euros e que, para pechar o asunto, lle ofreceu varias posibilidades, pero que, ata o momento, non chegaron a ningún acordo. Di que sente que ten un ocupante ilegal no barco porque, case tres anos despois, non ten nin cartos nin embarcación.

O Cabo de Hornos Dous é o barco no que pescou Manuel desde o 2000 ata o 2019, que foi cando os problemas de saúde lle impediron saír ao mar. Entón decidiu desfacerse del.

Solicitou o despezamento da embarcación e daquela denegáronlla. Así que non lle quedou outra que vendela. E aí comezaron as súas dores de cabeza.

Por medo a que lle deixase de pagar e rompesen o documento que asinaran, Manuel denunciouno ata en tres ocasións, a última o pasado 13 de maio.

Farto da situación, Manuel presentoulle varias ofertas que o seu comprador rexeitou.

Conta que, de seguir así, non lle vai quedar outra que ir á procura do seu desafiuzamento por vía legal.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade