Sen rastro do pescador desaparecido na Costa da Vela en Cangas
Sen rastro do pescador desaparecido na Costa da Vela en Cangas
A embarcación en que pescaba envorcou o venres pasado
A primeira hora do día retomouse a busca do mariñeiro desaparecido. Por aire o helicóptero da Garda Civil sobrevoou varias veces toda a Costa da Vela, de xeito especial a zona máis rochosa e próxima ao litoral.
Cando o helicóptero descansa o traballo de rastrexo compleméntase co dos drons do equipo Pegaso. Maite Viso explica que "non é un traballo doado. Depende por exemplo da situación do sol que as veces impide achegar o dron a superficie da auga sen perder o sinal".
Estes aparellos poden voar ata un quilómetro de distancia sempre que non se perda o contacto visual. Esta mañá en Donón as condicións meteorolóxicas frustraron os plans iniciais. O vento era demasiado forte e os expertos da Garda Civil non puideron facer voar alí os drons.
Os mergulladores da Garda Civil estanse a desprazar por diferentes puntos da Costa da Vela para realizar inmersións e, no mar, tamén rastrexa á procura de calquera sinal e embarcación Corvo Mariño da Garda Civil.
A visibilidade é boa, pero hai moitas correntes na zona. O operativo, por terra, mar e aire permanecerá activo todo o día e pola tarde poderían incorporarse máis medios da Axencia Galega de Emerxencias. Polo de agora non hai rastro do home desaparecido o venres, cando envorcou a embarcación en pescaba.