Sementeira de carrumeiro no litoral galego para preservar a biodiversidade
Os bosques desta alga son esenciais na restauración do medio mariño
Esta alga está sendo deficitaria no noroeste peninsular debido á contaminación e ao quecemento climático, entre outros factores

O carrumeiro é unha alga esencial do atlántico europeo que está a vivir un declive notable en todo o mundo dende hai unha década. Para tratar de paliar esta situación este sábado pola mañá fíxose unha sementeira na costa galega, na zona da Mariña xusto enfronte do Fuciño do Porco, no Vicedo, onde estaba constatada a súa presenza hai anos.
Despois da de Ons, Corrubedo e Costa da Vela esta é a cuarta das seis sementeiras previstas no litoral galego. En setembro faranse en Ortigueira e na Costa Ártabra.
Segundo Rodolfo Barreiro, catedrático de Ecoloxía da Universidade da Coruña esta alga está sendo deficitaria no noroeste peninsular debido a factores múltiples, entre eles tamén a contaminación e o quecemento climático.
A Consellería de Medio Ambiente apoiou este traballo de reforzo de poboacións naturais cuns 100.000 euros, dentro dos 4.400.000 euros que achegaron para a restauración do medio mariño, procedentes dos fondos Next Generation.