Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade limita o copago dos medicamentos para as rendas baixas para evitar que reduzan tratamentos

Sanidade limita o copago dos medicamentos para as rendas baixas para evitar que reduzan tratamentos

Por vez primeira, establécense topes ao mes para as persoas en activo que ingresen menos de 35.000 euros

Tamén se crea unha nova categoría para os pensionistas con rendas medias

O Goberno quere impedir que algúns pacientes renuncien a mercar fármacos porque lles supón demasiado gasto

G24.gal 13/05/2026 14:48

O Goberno cambia os baremos para o copagamento dos medicamentos, a parte que deben aboar os pacientes polos fármacos subvencionados pola Administración. As persoas con ingresos baixos terán límites máximos de pagamento cada mes e tamén se reduce a cantidade que deberán aboar algúns pensionistas. As modificacións chegan nun real decreto lei que acaba de aprobar o Consello de Ministros para establecer un novo sistema de contribución dos usuarios na prestación farmacéutica ambulatoria.

A principal novidade afecta as persoas activas, falamos en xeral das que teñen traballo, cuns ingresos de ata 35.000 euros ao ano. A partir de agora terán uns topes máximos no que poden chegar a pagar cada mes polas menciñas, entre 8,23 €, 18,52 € ou 61,75 €, segundo os tres tramos de renda nos que estean incluídos. Antes, todos pagaban unha porcentaxe dos fármacos, ata un 40 ou un 50 % dos seu prezo, o que podían significar, por exemplo, trinta euros por unha caixa dunhas pílulas que se receitan habitualmente para reducir o colesterol. 

"Isto facilita moito que a xente tome a medicación e non se vexa con problemas ou dificultades para facelo", explica o vicepresidente do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Enrique Álvarez.

Tamén se establece un novo tramo de copagamento para os pensionistas con rendas medias, os que ingresen entre 18.000 e 59.999 euros. Arestora terán un tope de copagamento ao mes de 13,37 €, cinco menos que antes do cambio.

O Ministerio de Sanidade di que o obxectivo da reforma é evitar que persoas de ingresos baixos renuncien ou reduzan os tratamentos de enfermidades crónicas, como pode ser a diabetes, porque lles supón demasiado gasto ao mes.

"Hai algúns medicamentos cos que non vai pasar nada porque interrompas o tratamento un par de días, como pode ser un protector de estómago, pero hai certo tipo de menciñas, para a diabetes, para a tensión, antiepilépticos ou así que non se poden suspender", asegura Vanessa Otero, a titular da farmacia Balaídos de Vigo.

Mentres, seguirán sen ter que pagar nada polas menciñas os usuarios que xa gozaban do desconto total, como as persoas que reciben o ingreso mínimo vital ou os parados que non cobran prestación. Hai que ter en conta, iso si, que só se limita o copagamento dos medicamentos subvencionados; non os de prezo libre, que poden chegar a ter un custo moi importante. O Goberno di que a medida lle suporá un gasto de 265 millóns de euros, un acordo que pactaron os ministerios de Sanidade e Facenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade