Publicador de contidos

Publicador de contidos

Semana decisiva no xuízo ao fiscal xeral do Estado, coa súa declaración o 12 de novembro

Semana decisiva no xuízo ao fiscal xeral do Estado, coa súa declaración o 12 de novembro

A declaración do fiscal xeral será previsiblemente a tarde do mércores

Quedan vinte declaracións aínda, entre elas unhas cantas de xornalistas e nove de gardas civís que interviñeron nos rexistros de Fiscalía Xeral e da Fiscalía Provincial

3 de novembro, día de apertura da vista oral no xuízo ao fiscal xeral do Estado 3 de novembro, día de apertura da vista oral no xuízo ao fiscal xeral do Estado
G24.gal 09/11/2025 10:22 Última actualización 09/11/2025 13:36

O xuízo ao fiscal xeral encara a súa recta final. Unha semana decisiva na que Álvaro García Ortiz será interrogado o 12 de novembro, o mércores próximo. É a declaración agardada tras pasaren pola sala do Tribunal Supremo, entre outras testemuñas, Alberto González Amador, a parella de Ayuso que sentou no banco dos acusados a García Ortiz, e os xornalistas que declararon que recibiran o correo electrónico, xermolo do xuízo, antes que o propio fiscal xeral. Pero a declaración dos xornalistas non valeu para desvelar de onde partiu ou quen revelou porque se acolleron ao segredo profesional para non desvelar as súas fontes.

O Tribunal Supremo renova o vindeiro martes a vista oral contra o fiscal xeral, que prevé terminar o xoves cando a sala sinale visto para sentenza tras atender os informes das partes e a quenda de última palabra se García Ortiz fai uso dela.

Antes de chegar a ese momento e saber se as acusacións manteñen as penas de entre 4 a 6 anos de prisión, todas as miradas van estar postas na declaración do fiscal xeral, que previsiblemente será a tarde do mércores.

Haberá que agardar ao mesmo día para coñecer a estratexia que vai seguir o fiscal xeral; descoñécese se responderá ou non ás preguntas de todas as partes. De momento xa respondeu a unha do presidente do tribunal. O primeiro día de xuízo o presidente do tribunal que o xulga preguntoulle se se considera autor ou responsable do delito de revelación de segredos e a súa resposta foi rotunda: "Non".

Presunto delito de García Ortiz: revelación de segredos pola filtración dun correo sobre o caso de fraude fiscal de Alberto González Amador

García Ortiz está acusado dun presunto delito de revelación de segredos pola filtración dun correo sobre o caso de fraude fiscal de Alberto González Amador, que protagonizou o testemuño máis duro que escoitou a Sala esta semana cando, sinalándoo coa man e mirándoo á cara, díxolle que o mataba "publicamente".

Das declaracións que viñeron despois da de González Amador, só a fiscal superior da Comunidade de Madrid, Almudena Lastra, sementou a dúbida. Relatou que lle preguntara ao fiscal xeral: "Filtraches os correos?". Ao que este lle respondeu que "iso agora non importa". Sobre a fiscal superior da Comunidade de Madrid dixo a man dereita de García Ortiz que tiña "animadversión" cara ao fiscal xeral e a actual cúpula da institución.

Nin González Amador nin Lastra nin ningunha das testemuñas que desfilaron esta semana serviron para aclarar ou desvelar de onde partiu a filtración ou quen foi o filtrador.

Tres xornalistas aseguraron ante a Sala que eles tiveron acceso ao correo clave antes que o fiscal xeral. Un deles, José Precedo, do Diario.es, chegou a asegurar:

"É unha persoa que eu sei que é inocente porque coñezo a fonte pero non a podo dicir polo segredo profesional".

Dos testemuños pendentes hai un, o do xornalista da Cadena SER que informou do contido do correo, que se antolla crucial tendo en conta que o instrutor acoutou a revelación de segredos na suposta filtración do fiscal xeral a este redactor, quen en fase de instrución deixou claro que el tiña a información antes de que o fiscal tivese acceso ao correo ás 21:54 do 13 de marzo de 2024.

Declaracións pendentes na vista oral

Quedan vinte declaracións aínda, entre elas unhas cantas de xornalistas e de nove gardas civís que interviñeron nos rexistros de Fiscalía Xeral e da Fiscalía Provincial, ademais dos envorcados dos dispositivos intervidos en senllas institucións.

Os axentes pecharán as testificais pero de inmediato darán paso á proba pericial, cos tres gardas civís que elaboraron os informes que obran nas actuacións, entre eles, o que concluíu que García Ortiz borrou as mensaxes do seu móbil o día que o Tribunal Supremo lle abriu a causa o 16 de outubro de 2024.

No aire as dúas preguntas clave: Quen filtrou o correo á Cadena SER? E esa filtración pode considerarse unha revelación de segredos tendo en conta que ese correo ou o seu contido xa circulaba nalgunhas redaccións deste país?

Declaración de Miguel Ángel Rodríguez o día 4 de novembro Declaración de Miguel Ángel Rodríguez o día 4 de novembro
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade